Narón colabora con AFAL na organización dunhas xornadas divulgativas e uns obradoiros que terán lugar en Piñeiros

Instante da presentación – Concello de Narón

As concelleiras de Acción Social e Promoción Social, Catalina García e Teresa Sabio, respectivamente, presentaron esta mañá acompañadas por Ana María López e Noelia Ríos, presidenta e directora asistencial, respectivamente, da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFAL) unha serie de actividades que nas vindeiras semanas terán lugar no local social de Piñeiros.

A presidenta de AFAL explicou que entre os obxectivos das convocatorias previstas, unha charla e uns obradoiros, está “mellorar a calidade de vida das persoas con alzheimer, retardando o avance da enfermidade e procurando dar un respiro aos seus coidadores”. Os obradoiros poranse en marcha no mes de outubro pero previamente, avanzou, o día 25 de setembro ás 20.00 horas o local social de Piñeiros acollerá unhas xornadas divulgativas –a cargo de persoal da asociación- con motivo dos actos programados polo Día Mundial do Alzheimer. Na convocatoria abordarase o traballo da entidade e tamén os talleres programados para outubro.

Pola súa parte, a directora asistencial de AFAL indicou que a través do servizo de talleres de estimulación cognitiva se traballa en terapias dirixidas a persoas afectadas de alzheimer (nunha fase inicial) e tamén doutras demencias. “Persoal especializado impartirá unha serie de terapias de psicomotricidade e psicoestimulación, entre outras, para estimular a capacidade residual das persoas afectadas, para retrasar a evolución da súa enfermidade”, apuntou Noelia Ríos.

As persoas que desexen inscribirse nos obradoiros poden facelo chamando ao número de teléfono 981 370 692. As sesións terán lugar tamén no local social de Piñeiros, dous días á semana e durante dúas horas –aínda por determinar- cada xornada. Tanto desde AFAL como desde o Concello animouse á veciñanza a participar nesta iniciativa, coa que achegar terapias ás persoas afectadas por esta enfermidade.

A concelleira de Promoción Social, Teresa Sabio subliñou “o difícil que resulta para as familias aceptar este tipo de situacións”. Ao respecto, a edil naronesa valorou o traballo das persoas que coidan aos enfermos de alzheimer e tamén o de AFAL. “É moi importante que existan asociacións como AFAL, que se ocupan das persoas con esta enfermidade e tamén das terapias a proporcionarlles, a falta de medicamentos para frear o avance do alzheimer”, asegurou.

Finalmente, a edil de Acción Social apuntou que este colectivo “non deixa de ser de persoas dependentes” e agradeceu tamén a labor de AFAL cos enfermos e as súas familias. García aludiu ao convenio en vigor entre o Concello e a asociación para desenvolver ao longo do ano actividades destinadas especificamente a estas persoas e animou á veciñanza a asistir aos actos programados, todos eles de balde. “É importante facer un diagnóstico correcto para poder axudar tanto aos enfermos como aos coidadores”, subliñou, agradecendo tamén a colaboración da Sociedade Cultural Areosa, de Piñeiros, para poder convocar estes actos no local social da parroquia.

Lea también

Valdoviño incorpora a la plantilla municipal tres auxiliares de Policía Local

El Ayuntamiento de Valdoviño incorporó a la plantilla municipal 3 auxiliares de Policía Local, aumentando …