O Torrente Ballester acollerá a Mostra de Cooperativismo e Economía Social de Ferrolterra

O vindeiro día 28 de setembro nas instalacións do Centro Torrente Ballester desenvolverase a I Mostra de Cooperativismo e Economía Social de Ferrolterra, organizada pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol.

O horario será de 9 da maña a 21 da tarde, con entrada libre.

Desenvolverase ao longo do día con diferentes postos de información sobre proxectos de economía social da comarca, atendidos polos protagonistas destas experiencias; un posto de información sobre a economía social e actividades centradas na visualización da economía social, como charlas e xogos onde se porá en valor os principios e valores cooperativos.

A finalidade desta mostra é fomentar que a cidadanía sexa consciente á hora de consumir na Economía Social, así como informar e asesorar ás persoas que teñan interese en emprender baixo a fórmula cooperativa en Ferrolterra. Segundo explican desde a Mancomunidade, “cada día que pasa medra a demanda de produtos da economía social, dado que o consumidor é cada vez máis socialmente responsable e demanda produtos de proximidade nos que non hai intermediarios, sabendo que a proximidade ten un impacto positivo sobre o noso territorio”.

As cooperativas, xunto con outras entidades entre as que se atopan as sociedades laborais os centros especiais de emprego e as confrarías de pescadores, integran a denominada economía social. Esta economía é entendida como o conxunto de actividades económicas e empresariais que no ámbito privado levan a cabo aquelas entidades que perseguen ben o interese colectivo dos seus integrantes ou ben o interese xeral económico ou social, ou ambos.

A economía social, defenden desde a Mancomunidade, fundaméntanse nun conxunto de valores orientados a fins sociais como a primacía das persoas e do fin social sobre o capital, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a cohesión social, etc., promocionándose a solidariedade interna coa sociedade, e favorecendo o compromiso co desenvolvemento local.

A fórmula cooperativa foi un dos modelos de emprendemento que mellor soportou a crise económica. As cooperativas non só se mantiveron, senón que medraron: nos últimos 10 anos o número de cooperativas en Galicia aumentou en 300, e na actualidade son un total de 1.318 cooperativas na nosa Comunidade. A maior parte das cooperativas activas na actualidade pertencen aos sectores de traballo asociado (son socios/as e ao mesmo tempo traballadores/as). Recentemente naceu unha grande organización que agrupa a agrupa a 181 cooperativas, das cales 152 son de traballo asociado, 28 de ensino e unha de consumo.

Esta organización é a Unión de Cooperativas EspazoCoop. Na Comarca de Ferrolterra, a porcentaxe maior de cooperativas corresponde ás de traballo asociado, tendo unha forte presenza nos centros de ensino, especialmente os de infantil.

Lea también

Aceptadas 4 propuestas de mejora del COAG a la ordenanza de licencias de Ferrol

La concejala de Urbanismo de Ferrol, Blanca García, dio cuenta este miércoles en la comisión …