Un Aldebarán completamente renovado estréase este sábado ante a afección

Sesión de scouting antes do partido – Concello de San Sadurniño

Levabamos varios días sabendo das incorporacións do Aldebarán a través das redes sociais e dos xornais. O club foi debullando por entregas as novas fichaxes, que lle afectan tanto ao cadro ofensivo como ao técnico. De feito, é un equipo moi renovado que conserva valores seguros de anteriores temporadas e incorpora novos reforzos para lograr un ascenso que o ano pasado se chegou a rozar cos dedos. Este sábado celébrase no pavillón municipal o XV Trofeo de volei Concello de San Sadurniño. Será a primeira vez que vexamos toda a escuadra en acción e contra tres dos catro rivais que atopará esta temporada no grupo A da SM2: o Rotogal Boiro, o Dumbría Voleibol e o Emevé Lugo.

Os encontros do torneo municipal comezarán coas eliminatorias da mañá. Ás 10.30h. os anfitrións enfrontaranse ao Rotogal Boiro e a iso das 12.00h. tocaralles batirse ao Emevé Lugo e ao Dumbría Voleibol. Xa pola tarde, ás 17.00h., disputarase o terceiro e cuarto posto do trofeo entre os perdedores da mañá, mentres que a final se xogará a partir das 19.00h.

Para o formato do torneo o Aldebarán rodeouse de tres dos catro equipos galegos que estarán na SM2. O capitán local, Uxío García, sinalaba como rivais máis duros ao Boiro e ao Emevé, aínda que sen pechar ningunha posibilidade xa que, segundo dixo, o Dumbría “tamén é un equipo forte”.

O Aldebarán-Intasa asume esta cita deportiva de cortesía co reto de facerse co trofeo e de deixarlle bo sabor de boca á afección. O equipo refíxose con varias incorporacións novas para que dar cunha plantilla “moi competitiva” que, porén, terá aínda un período de adaptación longo motivado, precisamente, por esa renovación.

Os cambios centráronse, segundo García, nas posicións de recepción, onde entran o croata arxentino Kevin Iurisevich e o brasileiro Renato Gervasio Mendes Gerva. “Os dous son novos, moi altos -1.96- e con grande capacidade física”, asegura o capitán do Aldebarán, quen engade que ambos receptores “daranlle un salto de calidade moi importante á plantilla”. Outra das novidades será o central ruso Vitali Kobzev, fichado como socio na pista de Saulo Costa. Kobzev, segundo comenta Uxío, “aumentará a envergadura do bloqueo”.

Por outra banda, o equipo tamén cambia de cadro técnico coa entrada de Carlos Suárez Charly, procedente do Dumbría, que estará axudado por Pablo Gómez Parga. “Decidimos apostar por Carlos Suárez, que é un técnico galego con experiencia e moi esixente. Demostrouno co Dumbría, que cunha plantilla moi humilde conseguiu a salvación e loitando de ti a ti con equipos moi superiores. pensamos que Charly cunha plantilla boa debería estar nun nivel por riba do resto”, comenta Uxío García. Ao respecto do segundo adestrador, Uxío desta que Parga “coñece o club, é veterano, coñece a liga e axudaralle a Charly a acoplarse o antes posible ao equipo. Cremos que é un tándem ideal para levar adiante o proxecto este ano.

Tras o trofeo que se disputa este sábado, o Aldebarán terá por diante dúas semanas de duro traballo antes do comezo da liga. O equipo estrearase na casa o 7 de outubro a partir das 19.30h. contra o Badajoz.

Lea también

Álex Rilo, representación ferrolana en la Copa del Mundo de Lievin

El ferrolano Álex Rodríguez Rilo disputará este sábado la Copa del Mundo de Lievin en …