A anestesista do CHUF, Esther Moreno, fala de sedoanalxesia no Congreso Europeo de Coidados Intensivos en Viena

A especialista en Anestesia do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Esther Moreno López, fala de sedoanalxesia e de manexo da epilepsia nunha Unidade de Coidados Intensivos no Congreso Europeo de Coidados Intensivos, que se está a celebrar estes días en Viena. Foron aceptados para a súa exposición dous traballos en colaboración co profesional da Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, José Luis Martínez Melgar.

O obxectivo do primeiros dos traballos é “describir a experiencia, en seguridade e eficacia, nos pacientes críticos dun protocolo de sedoanalxesia cun medicamento de relativa recente incorporación no emprego clínico (dexmedetomidina), e tanto en pacientes con ventilación mecánica (cando está intubado) como en ventilación espontánea«. En termos xerais, explica esta especialista, “o obxectivo da sedoanalxesia é que o paciente estea confortable, de modo que tolere a intubación e a ventilación mecánica; e, ademais, no caso dos pacientes postcirúrxicos, controlar a dor tras unha intervención”. De xeito xeral, para a sedación en coidados críticos, empréganse analxésicos de tipo opioide combinados con benzodiacepinas ou hipnóticos.

A dexmedetomidina é un medicamento de recente introdución, que ten unha indicación específica en pacientes axitados, ou no que se denomina “delirio do paciente crítico”. Nas Unidades de Coidados Críticos trabállase con escalas de medición da sedación e a axitación, como a escala de Richmond (RASS), que vai de -5 a +4, e valora o nivel de sedación para poder axeitalo á situación de cada paciente crítico. Neste estudo, “vaise valorando que, con este fármaco, estes pacientes estean entre un -2 e un 0, que se correspondería cunha sedación lixeira, dun paciente somnoliente e calmado”. O obxectivo é que o paciente estea cómodo, que non se axite para non ter que volver a reintubar; ou ben pode actuar como un paso intermedio ou de transición entre a ventilación mecánica e a espontánea.

Durante un período de 18 meses, recolléronse datos de 57 pacientes en ventilación mecánica e en ventilación espontánea que precisaron deste fármaco, para comprobar canto tardaba o paciente en chegar ó nivel obxectivo de sedación que se procuraba, en que doses e en que tempos. Valoráronse tamén as razóns polas que foi preciso empregar ese fármaco, como pode ser a sedación secuencial, o fracaso ou tolerancia ós sedantes, a axitación, a síndrome de abstinencia ou o delirio hiperactivo, e incluso para a adaptación á ventilación mecánica non invasiva, no caso dos pacientes en respiración espontánea. Xunto con isto, recolleuse en canto tempo chegaban a ese nivel obxectivo de sedoanalxesia, antes de 12 horas, entre 12 e 24 horas, ou máis de 24 horas.

O seu traballo amosa bos resultados deste tipo de fármaco, xa que se consegue ese nivel de sedación no 70% dos casos en menos de 24 horas, no caso de pacientes en ventilación espontánea; e no 75%, no caso da ventilación mecánica. Só non responderon a este tipo de sedoanalxesia o 12%; e o principal efecto adverso foi a hipotensión.

Seguimento da epilepsia

Por outra banda, en colaboración novamente co profesional do Complexo pontevedrés, José Luis Martínez Melgar, a anestesista ferrolá, Esther Moreno, expón outro traballo aceptado neste encontro europeo, nesta ocasión centrado na “Experiencia no manexo do status epiléptico”. Traballouse co rexistro dos pacientes ingresados en Unidade de Coidados Intensivos co diagnóstico de crise comicial e/ou epilepsia nun período de seis anos e analizouse o seu manexo.

Analizáronse cuestións como o sexo, a idade, o servizo de procedencia, os antecedentes, o método de diagnóstico, a monitorización, os fármacos e o control do estatus (de crise continuada e repetida). Valóranse un total de 51 pacientes (36 varóns e 15 mulleres) de idades diversas entre 18 e 67 anos. Conclúen estes profesionais que o 47% dos pacientes ingresados con este diagnóstico precisaron tratamento para estatus, para a crise continuada e repetida. A causa máis frecuente de ingreso en Coidados Intensivos nesta serie de pacientes é a recaída de epilepsia xa coñecida e a patoloxía cerebrovascular.

Técnica novedosa para a hernia discal

Por outra banda, as anestesistas do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol Amparo Pérez Díaz e Beatriz Mosquera Díaz, acudían tamén, entre o 6 e o 9 deste mesmo mes, ó Congreso Europeo da Dor, en Copenhague. Estas profesionais presentaron un traballo sobre a súa experiencia cunha técnica minimamente invasiva de descompresión percutánea con láser (a nucleolise con láser), que en toda Galicia só se aplica na Unidade da Dor do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

A dor lumbar por mor dunha hernia discal é unha patoloxía moi frecuente nas Unidades de Dor, cunha grande repercusión a nivel social e laboral. O tratamento ten sido clasicamente a cirurxía, pero, dada a alta taxa de complicacións, dende hai anos estanse a incorporar novas técnicas que evitan chegar a esa cirurxía, como é a nucleolise, que se emprega en Ferrol, tanto con láser como con ozono.

Nesta ocasión, estas profesionais de Anestesia foron ó Congreso Europeo para falar da súa experiencia con esta técnica novedosa e de recente incorporación (no ano 2014), a nucleolise con láser ou descompresión percutánea con láser. Valoraron unha serie de 26 pacientes. Esta técnica baséase no feito de que unha pequena redución do volume do núcleo pulposo (centro) provoca unha diminución importante da presión intradiscal, que descomprime a raíz nerviosa, que causa a dor. Así, insértase unha fibra óptica a través dunha agulla no disco intervertebral, de forma percutánea, e guiada mediante técnicas de imaxe. Adminístrase enerxía láser que vaporiza unha pequena parte do núcleo pulposo da hernia discal, e diminúe a presión.

Esta técnica aplícase naqueles pacientes seleccionados que non responden a un tratamento conservador (con analxesia ou fisioterapia continuada, por exemplo). Realízase de xeito ambulatorio, en quirófano, baixo sedación consciente e anestesia local, e implica en moitos casos evitar chegar a unha cirurxía máis complexa. Segundo a súa experiencia, de feito, foi eficaz en máis do 60% dos casos que non respondían a un tratamento máis conservador. Neste traballo, as profesionais conclúen que “é unha técnica efectiva no tratamento da dor lumbo-radicular de orixe discal; con poucas complicacións; que ten futuro como tratamento alternativo en casos seleccionados; e que pode evitar chegar a unha cirurxía de columna”.

Lea también

O Campus Industrial de Ferrol acolle a I Xornada de Enfermaría Laboral

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas; a presidenta do …