«Quenindiole» de Narón pasa á final do concurso Quero Cantar da Deputación da Coruña

Quenindiole – Deputación da Coruña

“As estrelas do rock” de Ames, “Os nenos da vella”, da Coruña e “Quenindiole” de Narón son as tres bandas que participarán na final do II certame de música infantil e xuvenil Quero Cantar convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña.

O vindeiro 20 de outubro ás 18.30 horas dará comezo a gala final da segunda edición do certame de música infantil e xuvenil “Quero Cantar” que convocará ás tres bandas que superaron as dúas primeiras fases do concurso. Trátase dos grupos “As estrelas do rock”, de Ames; “Os nenos da vella”, da Coruña e “Quenindiole”, de Narón. Os tres foron escollidos por alumnado de colexios públicos da provincia da Coruña entre as seis cancións que superaran a primeira fase do concurso.

Mamá Cabra, banda convidada

As tres bandas interpretarán ao vivo as cancións na gala final que, como na primeira edición, terá lugar no Teatro Colón da Coruña, unha cita aberta ao público e que ha contar tamén coa participación especial dunha das bandas pioneiras da música infantil en Galicia como é Mamá Cabra.

Os tres grupos teñen ademais asegurada a inclusión da súa canción no disco que a Deputación da Coruña tras o concurso e que será posteriormente distribuído aos centros de educación pública. Canda eles figuran as cancións das bandas “Angry Cats”, de Santiago, e do “Coro infantil da Escola de Música José Verea”, de Oroso.

A banda “Colaxe” de Laxe foi a gañadora da primeira edición do concurso organizado pola área de Cultura da Deputación da Coruña. «A iniciativa naceu para que nenas e nenos se botaran a cantar en galego e acompañar o extraordinario momento da música infantil na nosa lingua«, valorou a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín sobre unha iniciativa que está a chegar á fase final da súa segunda edición.

Vivimos un momento excepcional para a música infantil en galego mais é preciso aínda animar ás crianzas a que se boten a cantar e ese era un dos obxectivos do concurso«, defende Goretti Sanmartín que considera a canción unha interesante ferramenta “para transmitir a nosa lingua nesas idades, usala e contaxiala”.

Lea también

Ares entrega os premios do IV Concurso de Escritura Creativa de Microrrelatos Escolares

Concello de Ares e CPI As Mirandas entregaron esta semana os premios do IV Concurso …