O goberno local aproba a adxudicación a Misturas SA do servizo de viarios por dous anos

Reunión de Luis Victoria no Bertón – Concello de Ferrol

A Xunta Local de Goberno deste luns 9, aprobou a proposta de adxudicación da contratación do servizo de execución de obras para o mantemento das infraestruturas do Concello de Ferrol, a favor a empresa Misturas SA, un contrato por dous anos de duración.

A respecto deste contrato, indicar que foron 11 as empresas que optaron a este concurso mediante procedemento aberto con pluralidade de criterios cun importe máximo de licitación de 900.000 euros (21%IVE incluído).

Destas once empresas, Misturas SA foi a mellor puntuada polos técnicos, con melloras como o seguimento das obras mediante unha aplicación informática, entre outras. Por anualidades, ao que resta de 2017 lle corresponderían 200.000 euros e 700.000 para imputar no ano 2018, dun orzamento máximo total de 900.000 euros.

Tamén se lle deu luz verde ao inicio do expediente de contratación administrativa para a instalación e desintalación do alumeado de Nadal 2017-2018. A maiores, aprobouse un listado de 15 facturas por un importe de 3.079, euros, correspondentes a distintos servizos prestados ao Concello nas áreas de servizos e cultura.

INICIO DOS TRABALLOS NOS BARRIOS DO BERTÓN E SANTA ICÍA-O BOIAL

O concelleiro de Servizos e Obras, Luis Victoria Gallego, mantivo este mediodía no local veciñal de Santa Icía unha xuntanza de traballos coas empresas concesionarias dos servizo de agua, limpeza, iluminación e reposición do mobiliario urbano para iniciar os traballos de rozas e acondicionamento nos barrios do Bertón e Santa Icía.

Son tres semanas de intervención intensiva, dentro do cronograma de traballo do plan Barrio a Barrio,+Cidade, que se inician hoxe luns e está previsto que rematen o 29 de outubro.

O concelleiro reuníase o pasado venres cos representantes veciñais destes barrios para recoller as súas demandas mais perentorias e dar resposta as mesmas cos medios municipais. Entre outras cuestións, os veciños urxen as rozas e podas, a fixación dos contedores do lixo e colocación de recipientes para a reciclaxe, a reposición, arranxo ou colocación dun punto de luz, por exemplo, no parque biosaludable de Santa Icía, ou a limpeza do sumidoiro da estrada do Vinculeiro.

No barrio de San Xoán-Bertón, os veciños teñen demandadas as rozas, podas dos plataneiros, o acondicionamento do parque infantil e reposición das pezas estropeadas, e arranxo do parque canino, a reposición das tapas de algúns contenedores e a limpeza de varios sumidoiros.

O plan Barrio a barrio, Mais Cidade, busca actuar de xeito integral nos barrios nos que intervén e dar resposta as demandas veciñal, arranxando e repoñendo elementos danados, con rozas, podas, acondicionamento de xardíns e limpeza de rúas.

Lea también

O BNG de Ferrol demanda no pleno, melloras nos comedores escolares

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou, acompañados de familias do ceip Cruceiro de Canido, …