O Concello de San Sadurniño pechou 2016 con 852.000 euros de remanentes de tesouraría

A alcaldía suscribiu hai escasos días a resolución pola que se aproba a liquidación orzamentaria do exercicio de 2016. Trátase dun trámite obrigatorio do que se deberá informar en pleno e que, ademais, sairá publicado no Boletín Oficial da Provincia ao longo desta semana. O contido do informe económico -elaborado pola área de Secretaría -Intervención- apunta a que o Concello finalizou o ano cumprindo coa regra de gasto e a estabilidade orzamentaria. De feito, os datos facilitados pola Intervención municipal indican que 2016 pechou con 852.000 euros en remanentes de tesouraría e case 440.000 euros de resultado axustado. Cifras que, segundo o titular de Facenda, Suso Soto, reflicten «unha boa saúde económica» do Concello.

A información económica do balance de 2016 xa pasou pola Comisión Informativa Permanente de Facenda e Especial de Contas cos votos a favor do grupo de goberno e a abstención de PP e PSOE. Nesta comisión púxose ao tanto á oposición das macrocifras coas que pechou o exercicio do ano pasado e, entre elas, o goberno local destaca a comparación das obrigas recoñecidas netas -2.270.242,79 €-, co total do orzamento -2.777.900 €-, que virían indicar un grao de execución das contas municipais dun 81%. «Pasar dun 80 por cento no grao de execución orzamentaria é sinal de que se planificaron unhas contas realistas en canto á capacidade de levar adiante investimentos, servizos e outras actuacións municipais«, explica Suso Soto.

Por outra banda, a comparación do orzamento aprobado -eses case 2,8 millóns de euros- co total cuantificado finalmente -3.116.189,72 €- vén indicar que San Sadurniño obtivo un 12% máis de ingresos do que se prevía inicialmente, debido principalmente ás transferencias doutras administracións e a unha maior eficiencia na xestión das taxas e impostos municipais.

Outra das cifras destacadas é a do resultado orzamentario axustado que, segundo os servizos contables municipais, estaba a día 31 de decembro en 439.530,86 €. Trátase dunha contía «importante» que, segundo o edil de Facenda, «de ser necesario, podería incorporarse ao orzamento de 2017 para realizar investimentos financeiramente sostibles«.

O cuarto número reseñable é o do remanente de tesouraría que, simplificando, contabiliza os recursos dos que dispón o Concello e tamén os que ten pendentes de cobrar. O balance neste caso é positivo e ascendeu a 852.007,54 €. A cantidade é asumida como un resultado «satisfactorio» por parte do equipo de goberno, desde onde se puntualiza que a cifra debe lerse con matices: «o resultado tan positivo do remanente de tesouraría e a contabilización de importantes cantidades en dereitos pendentes de cobro lévanos a iniciar un proceso de depuración deses dereitos para eliminar aqueles que xa veñen de exercicios moi lonxanos e que son de difícil ou imposible execución.«

Tal e como comenta Soto, as contas de 2016 «confirman a boa saúde económica do noso Concello, onde os ingresos foron suficientes para facer fronte á prestación de servizos que estaban orzamentados«

A Conta Xeral sairá publicada nos proximos días no BOP e a partir dese momento exporase ao público durante 23 días hábiles. Tras ese período de exposición entrará no apartado de dación de contas do primeiro pleno municipal que se celebre.

Lea también

A Deputación licita por 224.664€ as obras do firme da DP 4803 en Centroña, Pontedeume

A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación das obras de renovación do firme …