O municipio caboverdiano de Santa Cruz achégase a San Sadurniño para coñecer a súa experiencia en programas ambientais

O goberno local de San Sadurniño recibiu na Casa do Concello a Paula Pina, directora do gabinete de Saneamento, Medio ambiente e Seguridade urbana do municipio caboverdiano de Santa Cruz. Pina estará en San Sadurniño ata o martes e durante este tempo centrará a súa visita en coñecer as experiencias de carácter ambiental que se están desenvolvendo aquí, como é o caso da recollida do lixo porta por porta ou os métodos empregados para a depuración de augas residuais. A viaxe de Paula Pina encádrase no programa «Vacacións con traballo» do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e, canda ela, tamén está  visitando outros municipios galegos a técnica mozambicana Ailina Manuel.

Paula Pina foi recibida a primeira hora da mañá por Secundino García, Ana Belén Breijo, Manolo Varela e Suso Soto. O rexedor local deulle a benvida e púxose á súa disposición para explicarlle «todo o que queira saber sobre o funcionamento do noso Concello e, especialmente, sobre aqueles programas nos que levamos tempo traballando con bos resultados».

Un ofrecemento que cadra cos obxectivos de Pina, quen acaba de pasar por A Guarda e Pontevedra e, despois da súa estadía en San Sadurniño, tamén botará uns días en Burela: «quero coñecer as experiencias que se están desenvolvendo en cada Concello para ver cales son as máis útiles, cales serían aplicables no meu municipio«, asegurou a representante caboverdiana, quen engadiu que as súas preferencias se centran en materia ambiental. «En San Sadurniño vou ver como funciona a recollida do lixo, a depuradora, o abastecemento de auga e todo o que ten que ver co ambiente e o saneamento».

Vacacións con traballo

A visita de Paula Pina a San Sadurniño e outros municipios enmárcase dentro do programa de cooperación técnica “Vacacións con traballo” do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a través do que tamén visita Galicia a topógrafa mozambiqueña Ailina de Marta. As dúas percorrerán durante este mes de outubro distintas localidades  nas que intercambiarán experiencias co persoal técnico local.

A través deste programa de cooperación técnica búscase contribuír a reforzar as capacidades dos municipios de países empobrecidos, ao tempo que se pon en valor a multiculturalidade e se sensibiliza fronte as desigualdades Norte-Sur.

A estadía de Pina prolongarase até o martes, cando se completará unha intensa axenda que comezou na mañá deste venres coa visita á casa consistorial, o Centro Municipal de Empresas, a Casa da Xuventude e a Casa da Cultura. Ademais destes lugares, a técnica caboverdiana tamén coñecerá de preto actuacións de posta en valor do territorio como a horta de froiteiras ou a sinalización de recursos turísticos, ademais de ver o funcionamento da EDAR e da potabilizadora municipal, das depuradoras biolóxicas do Chao e a Vila e do sistema de recollida do lixo porta por porta, entre outros.

Lea también

Cedeira impulsa excursións escolares á Capelada

O Concello de Cedeira quere promover as excursións de grupos escolares á Serra da Capelada, …