«Airiños de Fene» organiza a XXIX Xuntanza de gaiteiros

O sábado día 28 a partir das 19.30 horas na S.C.R.D. Agarimo de Sillobre (Fene), a Banda de Gaitas Tradicional «Airiños de Fene» celebrará a XXIX Xuntanza de Gaiteiros, actividade que organizan tódolos anos dende o 1988, festa na defensa da nosa música, canto e baile. Nestas xuntanzas, ademais da participación de distintas bandas, grupos ou músicos, aproveitase a ocasión para realizar unha homenaxe a algunha persoa, grupo ou entidade que se caracterizou por gardar, recoller, recuperar e dar a coñecer a nosa música tradicional.

Pero este ano dáse unha circunstancia que fai modificar e variar a idea e concepto da homenaxe. Este ano a entidade cumpre 30 anos, e por este motivo decidirons que a XXIX Xuntanza de Gaiteiros sería para a propia Banda.

A idea é que participen e actúen as escolas de canto, baile, gaita… formadas por nenos e nenas a partir dos 3 anos e as diferentes seccións que conforman a entidade: cantareiras «Xerfa», cantareiras «Xirifeiras», grupo de baile «Cambadela» e a Banda de Gaitas.

Tamén queren que esta Xuntanza sexa un punto de reencontro, e por este motivo están a convidar a antigos e antigas compoñentes para que acudan, participen e actúen neste aniversario.

A Xuntanza será presentada por Almudena Marcos.

Lea también

Ferrol homenaxea a Luísa Villalta no Día das Letras Galegas

A concelleira de Política Lingüística, Patricia Cons, presentou na comisión da área o acto que …