A familia do poeta Xosémaría Pérez Paralle realiza unha importante doazón ao Concello de Fene

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e os fillos de  Xosemaría Pérez Parallé, Francisco Pérez Porto e José Manuel Pérez-Parallé Porto, asinaron na biblioteca municipal de Fene o convenio de doazón polo cal os descendentes do segrel do Penedo entregan ao Concello de Fene unha colección de obxectos persoais, mobiliario, libros e diplomas que pertenceron ao seu pai.

Ao redor dunha trintena de libros, máis de vinte diplomas e diverso mobiliario, entre o que se atopa un escritorio coa súa cadeira e unha estantería, compoñen a colección de obxectos que os familiares de Pérez Parallé doan ao Concello coa idea de que se poida crear un recuncho para a lembranza do poeta na biblioteca que leva o seu nome, a biblioteca municipal de Fene. A colección complétase con numeroso material gráfico (álbumes de fotografías) e obxectos persoais como prumas, un tinteiro, un soporte para escritorio, unhas tesoiras, unha libreta con adicatorias ou unha caixa de pel que no seu día pertenceron e foron empregados polo segrel do Penedo. Salientan tamén varias pezas e figuras como un busto de Xosemaría Pérez Parallé, un escudo cerámico de Galicia ou a praca de cerámica adicada a Parallé polo centenario do seu nacemento.

A idea da familia e do actual equipo de goberno de Fene é que con este material se poida crear na biblioteca municipal Pérez Parallé de Fene un recuncho para a lembranza do poeta.

Xosé María Pérez Parallé

Xosemaría Pérez Parallé naceu o 4 de agosto de 1909 en Ferrol aínda que residiu boa parte da súa vida no Concello de Fene.

Cursou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Maxisterio en Santiago, cidade na que colabora en diferentes publicación e funda –con Filgueira Valverde e outros escritores- a revista “Abrente”.
En Ferrol participa en “Renovación”, semanario republicano de esquerdas e nas actividades do Centro Obreiro de Cultura. Durante bastante tempo adícase ao ensino e da clases no Centro de Enseñanza General.

A partir dos anos sesenta inicia un importante labor cultural como conferenciante e dinamizador do “Día das Letras Galegas” no Círculo Mercantil de Fene, entidade á que estivo moi vencellado. Pero o máis salientable del é a súa creación poética, moi abundante, da que grande parte permanece inédita.

Foi un dos poetas galegos máis galardoados. Xa no ano 1935 acada un diploma de mérito no “Certamen del Trabajo”. En Betanzos recibe outro premio pola súa obras “Mariñanas dun bardo segrel do Penedo”. En 1964 a radio-televisión francesa concédelle dúas distincións -1º e 2º premio- por uns poemas do seu libro “Cartafol da saudade” que estaba prologado por Filgueira Valverde. En xullo de 1967 é o gañador do concurso de poesía “Festa da cantiga”, organizado pola comisión do IX Festival de A Coruña e a comisión de festas da cidade. Nos xogos florais de Pamplona recibe o primeiro premio por un poema do seu volume “Dorna Romeira”. “Non falarei, non” é un poemario premiado en Guimaraes (Portugal) en 1975. Nese mesmo ano escribe “Esteiro: Saga romancera de un barrio perdido”. En 1990 aparece a súa obra póstuma “Chanteiros” e en 1995 “Poemas, Cantigas”.

Autor dun dos máis populares “Esconxuros da Queimada”, “lume, lumiña…”, foi letrista de numerosas cancións de rondallas e tamén de temas infantís para o certame “Cantareliña”.

O popular segrel morreu en 1987 en Barallobre, Fene, onde residiu moitos anos e onde tamén traballou nas oficinas de Astano.

O Concello de Ferrol nomeouno “fillo predilecto” e unha rúa do seu barrio de Canido leva o seu nome, como tamén a biblioteca municipal de Fene e un banco do monumento do “Camiñante descoñecido”.

Lea también

A Deputación licita por 224.664€ as obras do firme da DP 4803 en Centroña, Pontedeume

A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación das obras de renovación do firme …