O Campionato Galego de seleccións comarcais cadete de fútbol sala terá lugar en Narón o día 1

Presentación do Campionato – Concello de Narón

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acollerá o mércores 1 de novembro o “Campionato Galego de Seleccións Comarcais de Fútbol Sala. Trofeo Concello de Narón”. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro e o edil de Deportes, Román Romero presentaron o evento acompañados polo responsable da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto; o delegado en Ferrolterra da citada entidade, Manuel Mesa, e o presidente do Cidade de Narón Fútbol Sala, Ramón Padín. A entrada é de balde, tal e como explicou Román Romero, que convidou a tódolos afeccionados ao fútbol sala a acudir a esta cita deportiva, na que participarán un total de sete seleccións cadetes.

A alcaldesa valorou o ofrecemento da Real Federación Galega de Fútbol ao Concello de Narón para poder celebrar este evento na cidade, destacando que reunirá na localidade a centos de afeccionados ao fútbol sala. Pola súa banda, tanto Prieto como Mesa agradeceron a boa disposición do Consistorio e a colaboración prestada cando así o requeriu o citado organismo deportivo.

As seleccións que participarán no campionato, que se desenvolverá entre as 10.00 e as 21.00 horas serán as da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e Ferrol. “Este é o primeiro torneo oficial de seleccións comarcais organizado pola Real Federación Galega de Fútbol desde que ten competencia en fútbol sala”, subliñou Prieto, que recalcou que se trata dun “momento histórico”. O directivo da Real Federación Galega de Fútbol sala valorou tamén o feito de que o clube deportivo Cidade de Narón “sexa o motor do fútbol sala deste concello”.

Pola súa banda, Ramón Padín agradeceu ao Concello o feito de que organizase o campionato na cidade e animou aos representantes do goberno local a continuar traballando “na mesma liña”, apostando polo deporte, algo que confirmaron que se seguirá facendo tanto a alcaldesa como o edil responsable da área.

Lea también

Adrián Orjales, Mejor Deportista del Año de Valdoviño

El arquero internacional Adrián Orjales fue proclamado como el Mejor Deportista del Año durante la …