Santos e defuntos, unha estraña mestura de tradicións

 

Juan J. Burgoa-TIRANDO A DAR

De sempre Novembro foi un mes pródigo e ricaz na celebración de diferentes festexos e tradicións populares galegas. O mes comeza cos Días de Santos e Defuntos, festividades de especial raizame no mundo rural onde aínda subsiste no rico imaxinario popular a idea de que os mortos, mentres non alcanzan o descanso eterno, non deixan de acompañar aos vivos no seu tránsito por este mundo. Pola contra, as actuais, asépticas e medorentas sociedades urbanas tenden a eliminar a presenza dos sempre molestos mortos das actividades sociais, ou como moito, reducir esa presenza a actos simbólicos.

Unha das numerosas tradicións populares de Galicia, o Magosto, aínda hoxe ten lugar en moitos lugares. A súa celebración significou no mundo rural a festa do lume, das ánimas, das castañas e do viño, acontecendo nunhas datas que van desde Santos ata a festa de San Martíño, momento no que se comeza a celebrar a Matanza do porco, outro costume ritual de grande importancia dentro da economía familiar galega.

O asado das castañas no Magosto tiña lugar tanto nos propios soutos de castañeiros ou a carón dos cemiterios como nas eiras das vivendas ou nas lareiras das cociñas. Facíaselles un pequeno corte ás castañas para que non estalasen e acendíase encima leña de carqueixa, toxo ou loureiro, asándoas pouco a pouco. Trala comida regada con viño novo celebrábase o folión ou fiadeiro, festa onde os mozos e as mozas cantaban e bailaban.

Outras veces as castañas cocíanse en auga ou leite, sazonadas co tradicional fiúncho, elaborando con elas os típicos rosarios e colariños para os nenos. Non se debe esquecer que en pasados séculos o caldo de castañas, a calduda, foi un prato usual en lugares do interior de Galicia. Aínda hoxe o puré de castañas acompaña ao capón vilalbés e en terras lucenses continúase a elaborar o pastel de castañas durante o Nadal.

Dentro das antigas tradicións festivas que teñen lugar durante estas datas xa é máis discutible a celebración por uns e por outros do Halloween e do Samain. Desde fai algúns anos se está a producir un certo renacemento de ámbalas dúas celebracións en diversos lugares das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, moitas veces mesturadas de seu. Primeiro foi o mimetismo cara a diferentes culturas, mesmo de alén dos mares, como é o caso do renacemento do anglosaxón Halloween. Máis tarde asistimos ao rexurdimento dun emerxente Samaín, máis axeitado ás tradicións galegas, aínda que na maioría das ocasións carente do debido rigor histórico.

Con estas celebracións quérese lembrar aqueles antigos tempos nos que as caveiras humanas, levando un cabo de vela aceso no seu interior, eran colocadas polos habitantes dos castros no alto das murallas defensivas para asustar ao inimigo. Hoxe as caveiras substitúense polas cabazas que os nenos utilizan para os seus xogos e para asustar aos vellos.

En todo caso, o impulsor e o verdadeiro beneficiario destas festas de Novembro é o comercio, polo que conlevan de venda de disfraces, complementos e mesmo de doces tradicionais, caso dos coñecidos “osos de santo”.

Lea también

En defensa das Humanidades no Campus de Ferrol

No artigo de hoxe, e seguindo as últimas novas da nosa comarca, trataremos sobre os …

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *