As persoas maiores de Fene póñense ao día coas novas tecnoloxías

Instante do curso – Concello de Fene

Acceder a unha web, chatear polo whatsapp, descargar aplicacións, ver vídeos no teléfono, ler o correo… cousas todas elas impensables hai relativamente pouco pero que xa forman parte da nosa vida diaria. A tecnoloxía avanza a grande velocidade e ás veces faise difícil seguirlle o paso, e máis aínda cando se entra en contacto con ela sen experiencia previa. Pero nada é imposible se se quere aprender. Nin sequera a idade é un atranco para poñerse ao día coas posibilidades que nos ofrecen hoxe as comunicacións móbiles. E, se non, que lle pregunten as dez persoas maiores de 60 anos que hai escasos días remataron con éxito o curso de introdución aos smpartphones ofrecido pola área de Benestar e Servizos sociais do Concello de Fene.

Os modernos smartphones teñen tantas opcións que custa adaptarse a elas cando se vén dun móbil convencional ou incluso cando nunca se tivo móbil. Quen máis o acusan son precisamente as persoas maiores que, en moitos casos, teñen reticencias a entrar nun mundo virtual cheo de posibilidades, máis por descoñecemento que por medo á novidade.

Pensando nese ámbito da poboación, a concellaría de Benestar e Servizos sociais organizou un pequeno curso de introdución aos teléfonos móbiles intelixentes no que se inscribiron 10 persoas cunha media de idade próxima aos 70 anos. Homes e mulleres que a súa maioría xa levaban tempo tendo móbil, aínda que só o usaban para falar.

Nesta acción formativa as persoas participantes aprenderon as funcións básicas dos novos terminais, as aplicacións máis útiles -mensaxería, navegación, correo, etc.- e tamén a maneira de optimizar o consumo de datos conectándose a redes wifi públicas ou domésticas.

Tal e como sinala a titular de Benestar, Mari Carmen Martínez, o obxectivo da actividade foi o de «facer unha pequena introdución aos dispositivos móbiles para que as persoas de máis idade lles perdan o medo e aprendan a sacarlles partido«. A este respecto, Martínez engade que o seu departamento incide neste tipo de contidos xa que, segundo asegura, «o uso da tecnoloxía debe ser parte fundamental da oferta de calquera programa de envellecemento activo«.

O curso de manexo de teléfonos móbiles intelixentes tivo catro horas de duración e desenvolveuse dividido en dúas xornadas na aula de formación da Avenida Naturais de Fene.

Lea también

Ares acada o epicentro de Atenas no marco do proxecto europeo ‘Sporural’

A concelleira de Deportes de Ares, Alma Barrón, e membros do equipo técnico deportivo e …