O Aldebarán Intasa agarda encher o pavillón no derbi do sábado contra o Boiro

Aldebarán en la Copa Príncipe 2017

O volei volve esta fin de semana ao pavillón municipal de San Sadurniño con dous partidos da SM2. Si, dous, un o sábado e outro o domingo. O Aldebarán Intasa empata dous días de enfrontamentos onde o principal foco de atención está no encontro do sábado ás 18.30h. contra o seu inmediato perseguidor na clasificación, o Rotogal Boiro. Un dos derbis galegos da temporada que, ademais, será emitido en directo pola TVG2. Ao día seguinte o rival do equipo de Charly e Parga será o Electrocash Extremadura, situado na táboa xusto por debaixo do Boiro. O partido xogarase ás 12.00h. e, igual que no do sábado, o club local agarda encher as bancadas de afección. No caso do equipo sénior feminino, a cita da fin de semana será en Noia o sábado ás 20.00h. contra o Xiria.

O Aldebarán Intasa mantén intactas as súas opcións para acadar un bo resultado nesta primeira volta da SM2 no grupo A. Así o demostra a marcha en cuarta posición con 9 puntos, a só 1 do CyL Palencia 2018 -o equipo da Federación-, a 2 do Arona Tenerife Sur e a 4 do Emevé de Lugo. Iso si, cómpre ter en conta que os de aquí teñen un partido menos que se compensará o domingo -12.00h., Pavillón Municipal- contra o Electrocash Extremadura, tamén con 4 encontros disputados.

Encadear dúas victorias esta fin de semana pola máxima (3-0) suporía unha nova confirmación do bo estado deportivo do equipo e unha inxección de puntos que poderían virar notablemente a cabeza da clasificación, sempre e cando haxa sorpresas nos partidos do Emevé e do Arona. Os rivais dos lugueses na casa serán o Electrocash Extremadura o sábado, mentres que o Arona se medirá a domicilio co Vigo Voleibol, 8º dunha táboa con 10 equipos. Pola súa banda, o CyL Palencia 2018 visitará a cancha do colista, o pacense Hotel Río.

Así as cousas o Aldebarán Intasa fía os retos da fin de semana ao seu bo facer e a ao apoio incondicional da afección, que nesta nova temporada está ocupando boa parte das bancadas cada vez que se xoga na casa. Outro aliciente da cita do sábado contra o Rotogal Boiro será a emisión en directo do partido a través da TVG2. A canle autonómica ten previsto darlle máis tempo ao volei do que viña sendo habitual debido ao tirón que está tendo ultimamente este deporte e ao feito de que no grupo A da SM2 hai nestes momentos cinco equipos galegos que aseguran derbis apaixoantes.

O Fisioche-ben San Sadurniño xoga fóra

En paralelo, o máximo equipo feminino, o Fisioche-ben San Sadurniño, desprázase o sábado a Noia para enfrontarse ás 20.00h. ás carballesas do AD Xiria Asesoría Cervantes, dentro da primeira división autonómica sénior.

A formación marcha en 9ª posición tras catro partidos xogados, que se saldaron en todos os casos cunha derrota. O último foi o sábado pasado na casa contra o Dompa Volei. O equipo ourensán -4º dunha clasificación dominada polas amienses do Bruxas- levou os tres sets malia a dura resistencia no último das locais.

Segundo a crónica publicada nas redes sociais polo propio Aldebarán, nese derradeiro tramo do encontro as visitantes bateron «co bloqueo das nosas centrais e con impecables defensas desde a segunda liña«. Aínda así, cun 23-23 no marcador, «o medo a ganar» fixo que as de Sansa finalmente cederan por 24-26.

O marcador do partido, cualificado polo Sansa como «de moi alto nivel«, quedou en 0-3 (15-25/15-25/24-26).

Lea también

El Natación Ferrol luchará por el título de la División de Honor

El Club Natación Ferrol demostró su poderío el fin de semana en la tercera jornada …