“Por un Ensanche A vivo”, nova xornada promovida polo Foro Ferrol Vivo

Foro Ferrol Vivo

Seguindo co programa de xornadas específicas por barrios iniciado o pasado 7 de outubro en Ferrol Vello, o Foro Ferrol Vivo promove unha iniciativa similar no Ensanche A. Así, “Por un Ensanche A Vivo” é o nome desta segunda xornada de traballo, que se desenvolverá o vindeiro sábado, 18 de novembro, a partires das 11.15 horas, na sala de exposicións do centro cultural Carvalho Calero.

Esta xornada, que conta coa colaboración da Asociación de Veciños do Ensanche A, ten como obxectivo, como destacou a voceira do FFV, Eva Martínez, debater polo miúdo sobre a situación deste barrio, poñer enriba da mesa os seus problemas, demandas e revindicacións, pero tamén, “e sobre todo, falar de futuro a través de diversas propostas que xurdan para acadar un barrio mellor, que é a finalidade que ten o foro para todo o municipio”.

Así, e despois dunha pequena presentación por parte de integrantes do Foro, a primeira das charlas correrá a cargo do presidente da entidade veciñal, Alejandro Dopico, que falará sobre a accesibilidade e as comunicación do barrio, para, a continuación, o secretario da Asociación de Amigos do Ferrocarril, Armando Lema, presentar o plan de transporte que fixo a entidade e abordar un dos temas máis importantes a nivel global: a integración das estacións de tren e autobús e a necesidade da intermodalidade. Antes dun pequeno descanso, a presidenta da Asociación de Movilidad Humana de Ferrolterra, Soledad Lucero, dará a visión da numerosa poboación migrante que ten elixido o Ensanche A para fixar a súa residencia. “Un barrio integrador” é o nome desta charla.

Xa á unha, o concelleiro de Promoción Económica, Álvaro Montes, explicará a situación na que se atopa o centro comercial Portanova e os plans de futuro que ten para este equipamento o actual goberno municipal, e o artista e promotor das Meninas de Canido, Eduardo Hermida, falará da arte como ferramenta contra o feísmo e para a recuperación de espazos.

Antes da clausura, haberá un pequeño debate, no que as persoas asistentes poderán facer as preguntas que estimen oportunas e no que o Foro Ferrol Vivo recollerá unha serie de conclusións coas que traballará nese proxecto de cidade con presente e, sobre todo, tamén con futuro. O FFV fai un chamamento á participación de veciños e veciñas, en xeral, así como a representantes dos diferentes axentes sociais e económicos do Ensanche, en particular, para incrementar o debate e facer o maior número posible de achegas.

Lea también

Jorge Suárez: “Se perde a oferta de emprego público para o 2017”

Tras no lograr sacar adelante los presupuestos de 2017 el alcalde de Ferrol, Jorge Suárez …

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *