Eduardo Pérez Baamonde, de Cambados, primeiro premio do «IX Concurso de Pintura Cidade de Narón»

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidiu na tarde deste xoves a entrega dos premios do “IX Concurso de Pintura Cidade de Narón”. O acto comezou ás 20.00 horas no Pazo da Cultura, donde permaneceron expostas nos últimos días as obras presentadas a esta edición do certame, un total de oitenta e dúas, xunto con outras premiadas en anteriores edicións.

Eduardo Pérez, de Cambados

O primeiro premio concedido polo xurado foi para Eduardo Pérez Baamonde, de Cambados, pola súa obra “Faro Quastolone”, polo que percibirá 1.500 euros e que pasará a ser propiedade do Padroado da Cultura de Narón, ao igual que as que obtiveron o segundo e o terceiro premio, tal e como se estipula nas bases. O autor da obra gañadora terá ademais dereito a unha exposición dos seus traballos durante quince días no Pazo da Cultura e o seu cadro, “Faro Quastolone” ilustrará o cartel da vindeira edición deste certame, tal e como recordou Ferreiro.

O segundo premio foi para Manuel Carballeira Rivas, de Valdoviño, pola obra “Espera”, e está dotado con 750 euros, e o terceiro para Manuel Ángel Serantes, de Ponferrada, pola obra “Fluvial”, dotado con 400 euros. Así mesmo, o xurado concedeu o Premio Especial Francisco Criado a Alejandro Galán Vázquez, de Sevilla, pola súa obra “Bodegón”. Este premio especial está dotado con 200 eu ros.

O xurado estivo integrado este ano por Raúl Gil, gañador da edición do ano 2016 deste certame e Pedro Taboada, director da páxina: www.pintoresgallegos.com, exercendo como presidente Xosé Luís Loureiro, pintor asentado no Concello de Narón.

A alcaldesa de Narón destacou o elevado número de obras presentadas a este certame, agradecendo aos participantes do mesmo o seu respaldo ao mesmo, “porque grazas a todas e todos vós mantense cada ano intacta a ilusión por organizar este concurso de pintura”. Así mesmo, Ferreiro tivo palabras de agradecemento para a Asociación de Veciños Ceibe de San Xiao de Narón, donde se orixinou este certame que, co paso do tempo, ao aumentar o número de participantes, se trasladou ao Pazo para poder conservar e expoñer nas mellores condicións posibles as obras presentadas.

Tras darse a coñecer o nome das persoas premiadas nesta edición do concurso a rexedora local felicitou persoalmente aos premiados que puideron asistir ao evento de hoxe polo traballo realizado, e tamén ao resto de persoas que presentaron as súas obras ás diferentes categorías, Infantil, Xuvenil e de Adultos. A alcaldesa animounos a participar na vindeira edición, recordando que o gañador deste ano, Eduardo Pérez, terá que esperar á de 2020, tal e como se indica nas bases.

Lea también

La escritora Paula Merlán inaugura el viernes en Ferrol la Feria del Libro

Ferrol inaugura el calendario de Ferias de Galicia este viernes 19 con el pregón de la …