A representación do Grupo cedeirés Teatro da Vila remata no Couto, Narón, a mostra de teatro amador

O local social do Couto. en Narón,  acolle este domingo a última das representacións teatrais enmarcadas na “IX Mostra de Teatro Amador. O Grupo de Teatro da Vila representará a obra Cóncavo Convexo, escrita polo naronés José Prieto e dirixida por Quique Vázquez.

A posta en escena dará comezo ás 19.00 horas e a entrada é de balde. O Padroado da Cultura de Narón, a compañía O Aturuxo de Melpómene e a AVV do Couto colaboran na organización desta nova edición da “Mostra de Teatro Amador”, tal e como indicou a presidenta do Padroado, Marián Ferreiro. Así mesmo, Ferreiro recordou que este tipo de eventos se organizan periodicamente en diferentes parroquias do municipio, achegando así o teatro á veciñanza con representacións nos locais sociais.

Seis persoas protagonizan a peza Cóncavo Convexo, unha obra na que nada é o que parece. O Grupo de Teatro da Vila é unha compañía de cedeireses que con esta representación baseada nun texto de José Prieto amosan ao público unha serie de historias nas que é moi complicado ver o límite entre o real e o irreal.

A “IX Mostra de Teatro Amador” do Couto iniciouse o pasado 5 de novembro cun espectáculo da Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón, Sería por Camiños, tamén escrita por José Prieto e neste caso dirixida por Celia González. O pasado 12 de novembro representouse Hamlet, de O Lar da Fraga, unha peza adaptada por Pepablo Patinho e dirixida por Quino Torres e o 19 de novembro foi o turno de O Enmeigado, do Grupo Municipal de Teatro de Ames, adaptado o texto e dirixida a obra por Mónica Caamaño.

Lea también

Unha unidade móbil ADOS estará operativa o venres 26 en Narón, no barrio de Xuvia

Unha das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará este …