Valdoviño abre as portas do primeiro Museo do Surf de España este venres

Casa da Cultura e Museo do Surf – Concello de Valdoviño

España contará, dende este venres, 1 de decembro, co seu primeiro museo adicado ó surf. O Concello de Valdoviño inaugura a partir das 20 horas o Océano Surf Museo, unhas instalacións pioneiras que marcan un novo hito do municipio na súa especial vinculación co surf e a súa historia no noso país. O alcalde, Alberto González, presidirá o acto, no que terán un papel destacado Vicente Irisarri e Jesús Busto, do Océano Surf Club e almas mater do proxecto que, ó longo deste último ano, traballaron codo con codo co Concello para facer realidade o que naceu como un soño. Jacobo Suárez, da consultora Goodlife e coordinador do proxecto, será o encargado de conducir o acto, ó que confirmaron asistencia unha longa lista de institucións, asociacións e figuras destacadas do surf en Galicia e España. Moitas delas, “mecenas” do propio museo, coa súa cesión desinteresada de pezas únicas como táboas ou licras. Así mesmo, a apertura de portas do Océano Surf Museo coincidirá no tempo coa inauguración da súa primeira exposición temporal: a colección de táboas de Enrique Artero, posible grazas á colaboración da Deputación. Tamén a institución provincial apoiou economicamente a reforma do inmoble para adaptalo, entre outros usos, como espazo museístico.

O Océano Surf Museo está ubicado na Casa da Cultura, edificio singular Premio Nacional de Arquitectura e obra do prestixioso arquitecto Manuel Gallego Jarreto. Ocupa a súa primeira planta, unha gran galería acristalada aberta á praia da Frouxeira e valerase tamén da sala de exposicións do inmoble para impulsar mostras temporais e do auditorio, como escenario de ciclos de cine, festivais de música ou charlas e congresos. A intención é, sen dúbida, convertir ó Museo nun espazo vivo e en continúa construción.

O fío conductor do Océano Surf Museo é a historia do surf en Galicia e, a partir de aí, invita ó visitante a realizar un percorrido por este deporte dende as súas orixes ata os nosos días, apoiándose para isto en textos, planos, ilustracións, pezas orixinais, fotografías e audiovisuais. E, como espazo destacado, o Pantín Classic, protagonista en exclusiva dunha das salas.

Motor económico

O alcalde, Alberto González, sinala que a intención do Concello co Océano Surf Museo é consolidar a posición de Valdoviño como destino turístico de referencia en España e Europa, aumentando a oferta de actividades culturais e deportivas, o que permitirá prolongar a estancia media dos turistas e, en consecuencia, repercutirá positivamente na hostelería, restauración, comercio e hospedaxes. Tamén, engade, favorecerá a desestacionalización do turismo e, sobre todo, consolidar e xenerar proxectos profesionais vinculados ó surf, como escolas e surfcamps.

En todo isto, subliña, nun extraordinario contexto, xa que o potencial de Valdoviño para a práctica do surf non ten límites coa diferente disposición das súas praias, orientadas a todo tipo de ventos e olas, o que facilita surfear case que os 365 días do ano. Feito que se dá en moi poucos lugares do mundo e en ningún outro de España. Precisamente, a garantía de olas e riqueza natural do municipio constitúen dúas das súas principais bazas.

Idea e financiamento

Parte da idea orixinal do Océano Surf Club e o Concello, que fai seu o proxecto, comeza a traballar nel. Presenta o proxecto á convocatoria de subvencións do GALP A Mariña-Ortegal, que aproba unha achega de 100.000 euros procedentes de fondos europeos. Pola súa banda, o Concello completa a aportación con outros 50.000 euros do orzamento municipal e logra a implicación das escolas de surf Pantín Surf Camp, Valdo Surf School, Alawa Surfcamp e o Santiago de Pantin Surf School como socios colaboradores.

Pola súa banda o Océano Surf Club cedía a súa colección única e singular de contidos, permitindo o seu propio nacemento e, a partir de aí, sumaríase unha longa lista de mecenas particulares que realizan as súas cesións, entre as que destacan as do Praia de Pantín, organizadores do Pantín Classic.

Lea también

A marcha galega no cumio mundial

A marcha galega escribía esta fin de semana durante a disputa do Campionato do Mundo por …