O tripartito naronés, EU e ENE ratifican no pleno o requerimento a Augas de Galicia e ao Concello de Ferrol para deixar sen efecto o convenio do saneamento

O grupo de goberno de Narón –TEGA, PSOE e BNG- aprobou no pleno celebrado na tarde deste xoves, cos votos tamén favorables dos portavoces de EU e ENE a ratificación do requerimento efectuado pola Alcaldía a Augas de Galicia e ao Concello de Ferrol, para deixar sen efecto e sen vixencia o convenio de colaboración entre estas dúas últimas administracións para a encomenda de xestión da explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración do concello de Ferrol asinado o pasado mes de agosto.

Requerimento

No requerimento, Marián Ferreiro incide en que o citado acordo non se axusta a dereito. O feito de que a encomenda da xestión subscrita o sexa exclusivamente entre Augas e o Concello de Ferrol, postergando pois a Narón, supón o incumprimento do convenio subscrito no seu día entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (Estado) con Augas de Galicia (Comunidade Autónoma), no que se prevía a xestión por parte dese organismo autonómico, ou ben por un ente supramunicipal que aquel podía promover; pero en ningún caso se facultaba a xestión por un só dos concellos afectados.

Así mesmo, no citado requerimento alúdese ao feito de que o prazo de vixencia do convenio entre Augas e Ferrol (un ano ou ata que se constitúa un sistema de xestión supramunicipal) fai depender exclusivamente da vontade deses dous asinantes, a efectiva duración do mesmo e supón na práctica conferir un dereito de veto a calquera decisión de supramunicipalizar o servicio; excluíndo polo tanto ao concelllo naronés nesa decisión.

Finalmente en terceiro lugar, desde o Concello de Narón sublíñase que o obxecto específico da encomenda dese convenio unilateral asinado o pasado 1 de agosto e publicado no DOGA do pasado 9 de outubro, “afecta á xestión da explotación, mantemento e conservación do servizo público de saneamento e depuración de dous municipios, non só de Ferrol –única entidade local asinante- e posúe unha natureza contractual”.

Este último feito supón que desde o punto de vista xurídico-material, tal e como consta no requerimento, se trate “dun contrato administrativo sometido á normativa de contratación pública e, en primeiro termo, á libre concorrencia, sen que poida reputarse ao Concello de Ferrol como un medio propio de Augas de Galicia”.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, subliñou que con este requerimento “apostamos por defender os intereses das veciñas e veciños de Narón e, ao mesmo tempo, deixamos constar a boa fe desta Alcaldía ao dar un primeiro paso, porque é evidente que temos que pagar; nós mantemos o compromiso do 70-30, pero non podemos asinar unha carta en branco”.

Na sesión desta tarde tamén se aprobaron dúas addendas aos convenios do saneamento subscritos nos anos anteriores; unha delas atañe ao documento asinado entre a Xunta, Augas de Galicia, o Concello de Narón e Acuaes para a execución e explotación das obras do interceptor xeral da marxe dereita da ría (tramo Cadaval-Neda); en tanto á outra addenda, supón a formalización de diversos cambios no convenio subscrito entre a aquelas administracións e entidades, e o propio Concello de Ferrol, para construción e explotación da obra dos interceptores xerais da marxe dereita da ría de Ferrol e acordos complementarios.

En virtude da aprobación desas addendas e tendo en conta as diferencias resultantes nalgunhas partidas derivadas de diversos criterios económico financieiros fixados inicialmente, desde o Concello de Narón solicítase que unha contía de 70.862 euros, se destine á amortización anticipada do compoñente financieiro do convenio para a explotación das obras do interceptor xeral da marxe dereita da ría de Ferrol: tramo Cadaval-Neda.

A corporación local aprobou tamén a designación da concelleira María del Carmen Espada como representante municipal no Consello Escolar do IES Terra de Trasancos e a modificación dos estatutos da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, neste último caso por unanimidade.

Pena Molexa

A instancia da Concellería de Turismo aprobouse –tamén por unanimidade- solicitar á Xunta de Galicia a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a festividade de San Xoán na Pena Molexa, na parroquia do Val. Esta celebración local permite conservar a memoria das tradicións do lugar, concretamente unha serie de lendas a través da transmisión oral.

O convenio de colaboración entre o Concello e a Fundación Confederación Nacional de Autoescuelas de España (CNAE), para traballar conxuntamente en proxectos relacionados coa educación e seguridade viaria saíu tamén adiante por unanimidade da corporación local.

Mocións

No apartado de mocións, aprobáronse a presentada polo PSOE contra o abandono do medio rural galego e unha conxunta do tripartito naronés –TEGA, PSOE e BNG- sobre investimentos e oferta educativa nos centros de ensino de Narón, absténdose o PP nesta última.

Tamén saiu adiante unha moción do Grupo Mixto (EU) a favor da retirada da intervención do Concello de Madrid por parte do Ministerio de Facenda e en apoio da proposta de modificación da regla de gasto, solicitándose unha modificación do deseño e aplicación desta última.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …