Alumnado do CEIP Piñeiros, Narón, recibiu a inesperada visita de Paiaso Piruleta&Cía que amenizaron a entrada ao colexio

O alumnado do CEIP Piñeiros recibiu na mañá deste martes unha grata sorpresa á entrada ao recinto escolar. Paiaso Piruleta&Cía estaban esperando aos menores nas inmediacións do colexio, desde as 08.30 horas, no que consistiu nunha acción enmarcada no programa Camiños Escolares Seguros, promovido pola Concellería de Seguridade Cidadá, que preside o edil Guillermo Sánchez Fojo, e a través do Equipo de Educación Viaria do Concello.

Paiaso Piruleta&Cía recibiron ás nenas e nenos con música, baile, unha exhibición en monociclo e outras propostas que amenizaron a entrada ao centro escolar. “Con este tipo de convocatorias, que tamén se desenvolverán noutros colexios da cidade, tratamos de darlle ao programa Camiños Escolares Seguros un carácter divertido e, ao tempo, educativo”, destacou Sánchez Fojo.

Con este fin terá tamén lugar o vindeiro 18 de decembro, tal e como avanzou o edil, no centro escolar de Piñeiros, unha sesión musical na que participarán pais e nais dos escolares e tamén algúns nenos e nenas, tocando varios instrumentos musicais e interpretando algunhas bandas sonoras de recoñecidas películas. “Desde o goberno local queremos agradecer novamente aos pais e nais dos escolares a súa colaboración en todas cantas actividades organizamos enmarcadas no programa de Educación Viaria do Concello”, asegurou o concelleiro naronés.

Sánchez Fojo apuntou que este tipo de actividades se convocarán tamén próximamente nos colexios Ponte de Xuvia e Jorge Juan “entretendo aos escolares uns intres antes de que comecen as súas clases nas aulas e fomentando así a participación no programa Camiños Escolares Seguros”.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …