O luns abre o prazo para apuntarse ás actividades deportivas de Nadal do Concello de Fene

Baile – Concello de Fene

Baile moderno, bailes de salón, judo, ximnasia artística, patinaxe e piscina. Son algunhas das disciplinas deportivas que cobrarán protagonismo este Nadal no Concello de Fene. A concellería de Deportes anuncia que o vindeiro luns, 11 de decembro, abre o prazo de inscrición para todas aquelas actividades que o precisen coma o campamento lúdico de Nadal “Campanadal” ou a actividade de patinaxe para nenos/as e adultos. As persoas que desexen anotarse en calquera destas actividades poderán facelo do 11 ao 20 de decembro nas dependencias administrativas do pavillón polideportivo da Xunqueira en horario de luns a venres, de 9.00 a 13.30 horas, e os días 13 e 20 de decembro tamén en horario de tarde, de 16.00 a 19.00 horas

Segundo informan dende a concellería de Deportes, para outras actividades coma os xogos acuáticos en familia, non será preciso inscribirse previamente. Por outro lado, a Carreira San Silvestre de Fene, que este ano terá lugar o sábado 30 de decembro, rexerase polo seu propio calendario e regulamento, que será publicado en próximas datas.

Coa VII Exhibición Solidaria de Baile Moderno e Bailes de Salón comezará este sábado 9 de decembro o ciclo de actividades deportivas que organiza a Concellería de Deportes para o Nadal. Este primeiro evento terá lugar no Pavillón da Xunqueira (San Valentín), de 17.00 a 19.30 horas e contará coa participación das Escolas Municipais de Baile de Fene e Neda, Academia de baile Fusión Dance, Zona Dance, All Dance Studio, C.B. Móvete, C.B. Narón e Boris Pico Dance Center. No decurso desta exhibición, que organizan a Concellería de Deportes de Fene e a asociación xuvenil Fene Movemento, farase unha recollida solidaria de alimentos.

Tamén terá carácter solidario o Torneo de Minikatas de Judo que acollerá o pavillón da Xunqueira o sábado 16 de decembro, de 10.30 a 13.00 horas, coa participación de distintas escolas e clubs de judo da comarca. Neste caso recolleranse alimentos e material escolar en bo estado. A entrada será libre e gratuíta námbolos dous eventos.
A programación deportiva de Nadal continuará o venres 22 de decembro coa IV Exhibición de Ximnasia Artística de Nadal, a cargo do alumnado do Club Escola Ximnasia Artística Ferrolterra. A actividade, aberta a toda a poboación, terá lugar no pavillón do Ramo (Barallobre), de 17.00 a 20.00 horas. A entrada será gratuíta.

Co comezo das vacacións escolares para os nenos/as, principiarán tamén os cursiños deportivos de Nadal do Concello de Fene. Dende a Concellería de Deportes anúnciase para o martes 26 de decembro o arranque do campamento lúdico deportivo de Nadal para peques “Campanadal” (precisa inscrición previa) no Pavillón da Xunqueira. Trátase dun campamento orientado aos máis pequenos, nenos/as nados/as de 2008 ao 2013, no que realizarán un montón de actividades variadas: xogos, manualidades, multideporte, baile, música,.. con contos cheos de maxia, con historias e personaxes propias do Nadal que farán que os nenos e nenas se sintan a gusto, compartan, aprendan e gocen do Nadal. O campamento terá unha duración de 6 días (26, 27 e 28 de decembro e 2, 3 e 4 de xaneiro) e o horario será de 10.30 a 13.00 horas . O custe da actividade ascende a 15,70 €/participante e o número de prazas é limitado (22).

O mesmo martes 26 de decembro, comezarán tamén na Xunqueira os cursiños de patinaxe para nenos/as (nados/as no 2013 e anteriores) e adultos, con tres grupos de aprendizaxe en cada hora que se distribuirán segundo as idades e o nivel dos/as participantes (dende iniciación a técnicas avanzadas). As clases de patinaxe terán unha duración dunha hora (de 10.00 a 11.00 e de 11.00 a 12.00 horas) e desenvolveranse os días 26, 27 e 28 de decembro e 2, 3 e 4 de xaneiro. Número de prazas limitado (24 en cada quenda). Para esta actividade, que terá un custe de 6.25 €/persoa, será precisa inscrición previa. Ademais, os/as participantes deberán levar patíns, casco, xeonlleiras e muñequeiras. Número de prazas limitado (24 en cada quenda).

A oferta de obradoiros de Nadal do Concello de Fene compleméntase este ano cunha nova edición dos “Xogos acuáticos en familia” na Piscina Municipal de Centieiras. Con esta actividade, o Concello de Fene oferta a nenos e nenas a posibilidade de asistir á piscina para realizar actividades lúdicas utilizando o material da propia instalación. Cada neno/a deberá estar acompañado por un adulto (no caso de irmáns, pode ser máis dun neno/a acompañados polo mesmo adulto). Así, dende o 23 de decembro de 2017 ao 7 de xaneiro de 2018 (de luns a venres e domingos), o Concello reservará tres rúas da piscina municipal para esta actividade, de 11:15 a 13:30 horas. Non é necesario realizar inscrición previa. Abonda con asistir e participar (aboando só a entrada do adulto que custa 3,25€), aínda que os/as usuarios/as poden facer reserva da rúa antes de ir, co fin de garantir que haxa espazo libre.

Xa por último, a Concellería de Deportes está a organizar para o sábado 30 de decembro a tradicional Carreira Popular San Silvestre de Fene que se desenvolverá polas rúas do concello a partir das 16.30 horas. Terá un percorrido de 3.800 mts. Tamén haberá unha andaina de 2.600 mts. e diversas carreiras para os máis pequenos, atendendo ás seguintes categorías:

– Pitufos e prebenxamíns: 100 mts.
– Benxamíns: 500 mts.
– Alevín e infantil: 800 mts.
– Cadete e xuvenil: 2.600 mts.

O regulamento da proba e a información sobre as inscricións para esta nova edición da San Silvestre de Fene publicarase en próximas datas.

Lea también

Nova edición do «Campus de Fútbol de Verán da Fundación Celta» en Ares

A casa consistorial de Ares acolleu a presentación oficial do Campus de Verán de Fútbol …