A conquista de Ferrol o século XIV polas tropas portuguesas

A editorial Toxosoutos acaba de publicar a obra “Crónicas de Jean Froissart. A conquista de Galiza e León (1386-1387)”. O autor, Paulo Nogueira, trata nela da estadía e andanzas en terras galegas das tropas inglesas do duque da Lancaster na súa campaña para conseguir a Coroa castelá e leonesa, co apoio dunha serie de forzas portuguesas.

Nas súas Crónicas, o crego francés Jean Froissart describe a conquista polo exército de duque de Lancaster das localidades de A Coruña, Santiago, Pontevedra, Vigo, Baiona, Ribadavia e Ourense, e como despois, en marzo do ano 1387, mandou ás tropas portuguesas que estaban ás súas ordes a conquistala vila de Ferrol.

No século XIV Ferrol era unha vila de certa actividade económica, tanto agrícola como pesqueira. O porto da Cruz estaba aberto a unha crecente arribada de naves procedentes do mar Báltico, Flandes e Italia, sendo o lugar de chegada por vía marítima de peregrinos a Compostela, procedentes de Inglaterra e norte de Europa. O barrio medieval de Ferrol Vello adaptábase á orografía do terreo artellando un sector de rúas con vivendas, moitas de madeira, erguéndose dentro do mesmo a igrexa parroquial de San Xiao e un pequeno hospital de peregrinos, estando o recinto arrodeado dunha muralla de certa entidade.

Ferrol sufriu nn devandito mes de marzo do ano 1387 un ataque por terra das tropas portuguesas ao mando do prestixioso condestable Nuno Álvarez Pereira, que tivo que proceder a unha emboscada para a toma da vila, coa intención de poñer a Ferrol baixo a xurisdición do seu aliado, o duque de Lancaster.

As tropas portuguesas na súa expedición chegaron perante dunha vila amurallada e dotada de foxos, cercando durante dous días a Ferrol, que reforzou a súa defensa coas tropas mercenarias francesas de bretóns e borgoñóns das chamadas Compañías Blancas, esperando que tivese lugar a súa rendición antes de intentar a entrada na vila pola forza.

Non logrando atinxir o seu propósito, no terceiro día os soldados portugueses penetraron nos profundos foxos defensivos da cerca, víndose obrigados á retirada, tras deixar varios mortos e feridos por mor das pedras violentamente guindadas desde as murallas polos seus defensores, que recibiron a inestimable axuda das mulleres ferrolás neste labor, un feito reflectido de xeito laudatorio na Crónica de Froissart.

O condestable Álvarez Pereira, planeou entón unha emboscada para apoderarse da vila, suspendendo durante tres días os ataques, facendo pensar aos defensores de que as tropas portuguesas se ían a retirar. O cuarto día, os portugueses simularon o asalto por un pequeno número de atacantes, mentres que un grupo de cincocentos homes permanecía emboscado preto da porta da vila. Os defensores franceses saíron a campo aberto para enfrontarse aos atacantes, que comezaron unha estudada retirada táctica, mentres que a porta de entrada quedaba aberta e os portugueses entraron na vila cos seus cavalos ao galope, tomando Ferrol desta forma.

Desta xeito tivo éxito a estrataxema dos portugueses, que tomaron a vila e detiveron aos seus defensores, coa excepción duns poucos que fuxiron cara a Villalpando, onde puxeron en coñecemento de Oliver du Guesclin, xefe das Compañías Blancas, como se perdera a praza de Ferrol.

Desta forma as tropas portuguesas puxeron Ferrol baixo a obediencia do duque de Lancaster, salientando a importancia desta conquista Jean Froissart cando escribe na súa Crónica: “the king of Portugal was much pleased at the succes of his men, and instantly sent intelligence of it to the duke, adding, he had greatly increased his inheritance by the capture of a town”

Pola transcrición, Juan Burgoa

Lea también

Agenda cultural en As Pontes para conmemorar los diez años de la creación del lago

El Ayuntamiento de As Pontes programa para el mes de agosto «O mar de lecer» una …