Fene abre o prazo de inscripción para a V Carreira popular San Silvestre

Edición anterior da San Silvestre – Concello de Fene

A Concellería de Deportes de Fene organiza para o sábado 30 de decembro a Carreira Popular “V San Silvestre – Concello de Fene” que se desenvolverá polas rúas do termo municipal a partir das 17.00 horas. A saída e a meta estarán situadas diante da Casa do Concello (Avda. do Concello, s/n). As persoas interesadas en apuntarse, poden facelo a través da páxina web da Federación Galega de Atletismo www.carreirasgalegas.org, dende hoxe até o vindeiro 26 de decembro ás 23.59 horas (non se admitirán inscricións presenciais o mesmo día da proba).

As inscricións para a “V San Silvestre-Concello de Fene” terán un custe de 2 euros para os/as participantes da carreira adulta e serán de balde para os/as nenos/as e mozos/as que se apunten ás carreiras de menores. Ademais, o día da proba realizarase unha recollida solidaria de alimentos polo que se anima a que todas as persoas que participen ou asistan como público colaboren aportando paquetes ou caixas de alimentos non perecedoiros.

As persoas que se apunten, tanto na carreira popular (adultos ou menores) como na andaina, deberán retirar os seus dorsais o venres 29 de decembro no Pavillón da Xunqueira-San Valentín, de 9.00 a 13:30 e de 16.00 a 22.00 horas, ou o sábado 30 de decembro no Salón de Plenos da Casa do Concello, de 10.30 a 13.30 e de 15.30 a 16.30 horas.

Tal e como se establece no regulamento da proba, a Carreira Popular “San Silvestre de Fene” está aberta a todos os atletas, federados ou non. Como novidade, nesta edición os primeiros en correr –a partir das 17.00 horas- serán os/as menores que percorrerán distancias entre os 100 metros e os 2.600 metros.

Unha vez finalizadas as probas de menores, ao redor das 18.30 horas, comezará a carreira dos/as maiores na que os/as participantes percorrerán unha distancia de 3.800 metros.

E xa, por último, ao redor das 18.40 horas, efectuarase a saída da Andaina que terá un percorrido de, aproximadamente 2.600 metros.

PREMIOS

Recibirán un obsequio os/as tres primeiros/as clasificados/as das categorías Sub 10, Sub 12, Sub 14, Sub 16 e Sub 18, masculino e feminino, e os/ás tres primeiros/as clasificados/as das categorías Sub 20-23–Sen e Máster 1, 2, 3 e 4, masculina e feminina. Tamén serán agasallados todos os/as participantes das categorías Pitufos e Prebenxamín.

Lea también

A UDC colabora na organización do Campionato de España Universitario de Vela 2024

A Universidade da Coruña UDC en colaboración coa Federación Galega de Vela e o Concello de …