San Sadurniño faise co campo da festa de Igrexafeita a cambio de colaborar co Bispado na rehabilitación da capela de Amido

Firma do convenio entre Concello de Bispado – Concello de San Sadurniño

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e mailo ecónomo da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, Xoán Xosé Fernández, rubricaron esta mañá na Casa do Concello o convenio de cesión do campo da festa de Igrexafeita que, desde hoxe, será de propiedade municipal. A cambio da doazón, o Concello colaborará co Bispado na rehabilitación da capela de San Marcos de Amido -tamén en Igrexafeita- cunha achega de 8.500 euros que deberán destinarse á reparación da cuberta e a outros arranxos na edificación, onde hai máis dunha década que non se celebra culto por causa do seu mal estado. O acordo é froito de tres anos de negociación entre a Igrexa e o Concello e, ademais de garantir a preservación do patrimonio, tamén vén cumprir a reivindicación veciñal de que o campo da festa de Igrexafeita sexa de titulariedade pública.

A leira en cuestión ten unha superficie de 2.204 metros cadrados e está situada ao carón do local social da Torre, propiedade da asociación veciñal Adiante, e a escasos metros da igrexa parroquial. Nela celébranse desde hai anos as festas patronais e outros eventos ao aire libre. Hai anos tamén que en Igrexafeita se fala sobre a merca da parcela como unha posibilidade que, porén, nunca chegou a materializarse cunha proposta en firme. De feito, foi nas asembleas do orzamento participativo de 2014 cando a entidade veciñal lle propuxo ao Concello xestionar a cesión do terreo para incorporalo ao patrimonio municipal. Un acordo que, finalmente, se materializou esta mañá.

O edil de Desenvolvemento local, Manolo Varela, cualificou a sinatura do convenio como “moi importante” xa que, segundo explicou, “atende a dúas demandas da parroquia de Igrexafeita. Por unha banda pasa a mans públicas o terreo colindante co local social e por outra restáurase o patrimonio da propia parroquia”. O ecónomo diocesano, Xoán Xosé Fernández, manifestouse na mesma liña incidindo en que “o beneficio é para a xente” posto que se pon “a plena disposición dos veciños e veciñas o campo que se viña usando para a festa” ao tempo que o convenio “fai posible a rehabilitación da capela de Amido”, cualificada por Fernández como un elemento “con moito valor etnográfico”.

O documento asinado polo Concello e a Diocese establece as condicións para a “cesión a título gratuíto” da parcela, valorada nun informe pericial en 8.926,20 euros. A cambio, o ente municipal comprométese a transferirlle ao Bispado 8.500 euros para que este leve adiante “con recursos propios” as obras de reparación na capela de San Marcos de Amido, onde é necesario repoñer de forma urxente as trabes e o lousado. A intención do Bispado de Mondoñedo-Ferrol é executar as obras no ano que entra, confiando en que poidan estar listas “antes do verán”, segundo adiantou o ecónomo. Un prazo que desde o Concello se solicitou acelerar todo o posible co obxectivo de que a veciñanza poida reestrear a capela para a celebración do San Marcos a finais de abril.

Unha capela nun enclave único

A última vez que se celebrou misa na capela debeu de ser nos anos 90 e desde aquela o vento e maila auga foron minando pouco a pouco o tellado ata conseguir abrir un burato no teito do altar. A rápida intervención dos veciños e veciñas colocando unha lona e facéndose cargo das tallas relixiosas evitou que a cousa fose a máis, aínda que non conseguiu frear o progresivo deterioramento da cuberta.A capela de San Marcos de Amido encóntrase no extremo norleste da parroquia de Igrexafeita, lindando xa co concello das Somozas, nun lugar que aínda conserva toda a esencia da arquitectura tradicional galega. Illado no medio dun grande prado preto das casas, o edificio cuadrangular aparece gorecido por dúas grandes árborse que, porén, non foron capaces de protexelo nin da intemperie nin do abandono.

Non hai datos contrastados sobre a súa antigüidade e, segundo o crego da parroquia, a edificación podería datar do século VII e mesmo é posible que para a súa construción se aproveitasen materiais procedentes de vestixios anteriores. Iso explicaría, por exemplo, que nunha das súas aristas laterais e a ras do chan se poida ver unha prominente cabeza de serpe ou dragón esculpida en granito que en aparencia non semella ter demasiada relación co as outras partes da capela. Tamén podería tratarse da cabeza dun león que, nese caso, si tería relación, posto que este animal é o que se vencella na tradición cristiá coa figura de San Marcos.

Lea también

Cariño intensifica su plan integral de restauración de mobiliario

Reparación de baldosas, reposición de aceras y bordillos de aceras, restauración de papeleras o sustitución …