Moeche inicia este mércores a súa programación do Nadal

Falta moi pouco para entrarmos de cheo nas datas centrais do Nadal e o Concello de Moeche xa ten lista a programación coa que encherlles o tempo de ocio a grandes e xente miúda. O listado de actividades arranca este mércores 13 e prolongarase ata o 4 de xaneiro con propostas maiormente musicais, aínda que tamén hai previstos obradoiros e mesmo unha exposición de tarxetas propias destas festas. Os tres actos centrais serán o concerto de Xoán Curiel do día 22, o obradoiro de cantos do Nadal que se fará cadrar coa feira do 23 e a visita dos Reis Magos do Oriente, quen escoitarán as peticións infantís o día 4 de xaneiro na nave dos tecidos recén reformada. Alí tamén está previsto que o último sábado do ano, o 30, se desenvolva o primeiro mercado semanal permanente coa participación dunha decena de postos complementada con música e degustacións.

A primeira cita do Nadal témola mañá mércores , 13 de decembro, a partir das 18.00h. no Castelo de Moeche, cun concerto de violín e arpa ofrecido polo alumnado do Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño. O evento está organizado pola Asociación de Amigos do Corazón de Ferrol (AMICOR) e, entre peza e peza, falarase sobre a prevención de enfermidades cardiovasculares por medio dun estilo de vida saudable. Canda o alumnado do Xan Viaño tamén interpretará varias melodías o dúo de arpas formado por Celine Landelle -Orquestra Sinfónica de Galicia- e María José Carralero, profesora deste instrumento no conservatorio ferrolán. A entrada é gratuíta pero o aforo no castelo está limitado a 65 persoas, polo que desde a área de Cultura se prega puntualidade.

A segunda referencia do Nadal témola o venres 15 no local sociocultural de Abade. Ese día dará comezo un curso de cociña de tres xornadas de duración impartido por Natividad Rodríguez Urreola. Ao longo do 15, 22 e 29 de decembro as persoas participantes aprenderán a preparar un menú composto por un entrante, un prato principal e unha sobremesa, ademais de coñecer os segredos dalgúns adornos comestibles de Nadal cos que converter a mesa nun espectáculo para todos os sentidos.

O horario da actividade será o mesmo os tres días, de 17.30 a 20.00h., e para participar nela fará falla inscrición previa pasando pola Casa do Concello, chamando ao 981 404 006 (ext. 2) ou mandando un correo electrónico a pilar.pazo@moeche.gal

O venres 22, o Centro Cultural Francisco Piñeiro -situado ao carón do centro sociocultural de Abade- acollerá a partir das 20.15h. o concerto gratuíto de Xoán Curiel, quen presentará ao vivo o seu último disco. O cantautor fonsagradino achega baixo o título de «Ecuacións» un traballo «cálido, lírico, doce e tamén cun matiz experimental» que alternará na sesión musical con pezas de traballos anteriores. A actuación chega a Moeche gracias ao apoio da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Ao día seguinte, o sábado 23, temos feira e tamén a oportunidade de aprender varias panxoliñas tradicionais que ata non hai moito se cantaban polas portas para gañar o aguinaldo na Noiteboa e na véspera de Reis. A área de Cultura organizou con esta finalidade o obradoiro «Imos cantarlle ao Nadal!». Trátase dunha actividade para todas as idades onde se construirán instrumentos e tamén se aprenderán vilancicos que logo, ao final da mañá, se cantarán nun pasarrúas pola feira. A actividade é gratuíta e desenvolverase entre as 10 e as 13.00h. na Casa do Concello. Nela poderán participar nenas e nenos de entre 3 e 12 anos na compaña dalgún familiar. As inscricións tamén hai que facelas previamente no Concello, no 981 404 006 (ext. 2) ou mandando un correo a pilar.pazo@moeche.gal.

Por outra banda, a casa consistorial terá aberta do 20 de decembro ao 8 de xaneiro en horario de mañá -de 8.30 a 15.00h.- unha exposición de tarxetas de felicitación do Nadal procedentes da colección privada da veciña Teresa Maseda. Nos últimos 35 anos Maseda conseguiu reunir máis de 300 exemplares de múltiples tamaños e deseños, representativos dunha práctica que está caendo en desuso pola aparición dos móbiles e a mensaxería instantánea.

Os Reis chegarán a Moeche o día 4 de xaneiro

É sabido que na véspera do Día de Reis, as súas Maxestades andan a mil para poder corresponder con agasallos as peticións de millóns de nenas e nenos de todo o mundo. Para facilitarlles o traballo, en Moeche a cativería recibiraos un día antes, o xoves 4 de xaneiro, nunha festa con música, obradoiros e inchables que terá lugar a partir das 16.30h. no recinto da feira. A tarde finalizará cun rico chocolate con churros.

A recepción real terá lugar na nave dos tecidos rehabilitada recentemente polo Concello como espazo polivalente e de promoción das actividades relacionadas co desenvolvemento rural. O recinto acondicionouse cunha axuda da Dirección Xeral de Comercio e cunha achega municipal a través do PAI da Deputación da Coruña, cun investimento próximo aos 140.000 euros.

Parte da nave -uns 450 m2- conta con 24 expositores móbiles, unha zona de bar, un pequeno escenario e conexión wifi. O obxectivo da remodelación é converter o lugar nun punto de encontro semanal da produción e a comercialización alimentaria da zona, ademais da artesanía e outras actividades, combinadas con degustacións e eventos culturais.

O mercado terá unha periodicidade semanal separada das feiras do 11 e do 23. O primeiro celebrarase o sábado 30 de decembro entre as 10 e as 14.00h. Na xornada inaugural haberá música e obradoiros para a rapazada, pero tamén poderemos probar e mercar a bo prezo produtos de Moeche e arredores cunha excepcional calidade.

Lea también

Valdoviño celebra su Feirón mensual

Los puestos regresan este domingo 28 a la Puerta del Sol de Valdoviño, que acogerá …