Entregados en Narón un centenar de diplomas de oito accións do programa de Formación Municipal

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a edil de Formación e Mocidade, Natalia Hermida, entregaron na mañá deste venres no Auditorio municipal un total de 107 diplomas de oito cursos de varias áreas. O acto iniciouse ás 12.00 horas e no mesmo a rexedora local e a edil naronesa felicitaron ás mulleres e homes que remataron con éxito os cursos convocados desde a administración local.

A concelleira de Formación e Mocidade destacou o feito de que “estes oito cursos se traducen nun total de preto de 2.000 horas de formación impartidas entre os meses de maio e decembro deste ano e ás que hai que sumar outras 4.000 impartidas tamén neste 2017 a través do Concello”. Hermida explicou que os cursos dos que se entregaron os diplomas supuxeron ás arcas locais un desemboso duns 80.500 euros, aos que hai que sumar o custe de persoal e de mantemento das instalacións nas que se impartiron.

Os diplomas entregados correspóndense cos cursos de Prevención de Riscos Laborais –remataron un total de 32 persoas-; Medio Ambiente no Naval e Prevención de Riscos no Naval -22 diplomas-; Conversa en inglés -6-; Panadería e Bolería -13-; Soldadura MAG -8-; Conservación de vivendas (Pintura) -6- e Peón forestal -8-. Estas accións enmárcanse na área de Formación, se ben no que respecta á de Mocidade, entregáronse os diplomas de Peixeiro/a -12 persoas-.

A concelleira naronesa recordou que “afortunadamente algúns dos vosos compañeiros e compañeiras que remataron estes cursos están xa traballando, un feito que nos anima a continuar nesta liña para ofrece á veciñanza de Narón a maior oferta posible de cursos a través do programa formativo municipal, ao tempo que para contribuír a mellorar as súas opcións no actual mercado laboral”. Natalia Hermida agradeceu no acto a colaboración prestada polas empresas nas que o alumnado realiza a parte práctica das sesións e tamén a do persoal da área de Formación do Concello pola súa implicación.

A alcaldesa da cidade, pola súa banda, asegurou que “o compromiso do Concello en materia de formación continúa vixente, porque esta é precisamente unha das áreas prioritarias para o goberno local desta cidade”. Ferreiro e Hermida animaron ao alumnado dos diferentes cursos a continuar ampliando a súa formación para, finalmente, proceder á entrega dos diplomas.

 

Lea también

O BNG de Narón insta ao goberno local a facerse cargo da xestión do servizo de madrugadores

O BNG de Narón leva ao pleno de abril unha moción na que insta ao …