A Asociación Nuestra Señora de Chamorro acolleu a entrega de diplomas do Concello e do premio do Amtega ao proxecto Innova Narón

A concelleira de Formación e Novas Tecnoloxías de Narón, Natalia Hermida, desprazouse ás instalacións da Asociación Nuestra Señora de Chamorro, no Val, para entregar uns diplomas e asistir ao acto de entrega do Premio Son Dixital –a distinción e unha tablet- concedido pola Asociación para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ao proxecto Innova Narón. Estiveron tamén presentes a presidenta e a xerente da Asociación, Concepción Lage e Rocío Coira, respectivamente; Ana Álvarez, Patricia López, Pablo Mañana e Fernando Gil, de Amtega, e Ana Armada, axente Cemit.

O proxecto Innova Narón impulsouse desde a Concellería de Novas Tecnoloxías de Narón, a través da Aula Cemit, e na mesma participou un grupo de usuarios da Asociación Nuestra Señora de Chamorro, que recibiron un “merecido premio”, tal e como asegurou Natalia Hermida. Este proxecto aposta por poñer en valor os produtos do campo e artesanais elaborados en varios obradoiros, a través dun blog e redes sociais e outras canles de venda. Desde o Concello impartíronse 130 horas de formación, tal e como recordou a edil naronesa, para materializar esta proposta, asumindo tamén o Consistorio o soporte e aloxamento para a plataforma durante a duración do proxecto.

Pola súa banda, Fernando Gil recoñeceu ante os rapaces e rapazas que viu “con moita ilusión o voso traballo e vexo que podedes facer o que queirades, porque o que facedes inflúe nos demais e debedes sabelo”.

Tamén en representación do Amtega, Ana Álvarez asegurou que “o que fixestes é o inicio para que teñades un sitio donde traballar e amosar en que ocupades parte do día, sendo capaces de sacar á luz a través dos talleres o que facedes aquí na asociación, o que precisamente premiamos con este recoñecemento”.

Finalmente, os usuarios e usuarias de Chamorro explicaron aos representantes do Amtega e á edil naronesa os proxectos que teñen previsto desenvolver nos vindeiros meses nos diversos talleres con que conta a asociación. E tamén en nome de Chamorro, a presidenta e a xerente agradeceron e valoraron o traballo realizado polos usuarios e usuarias e o respaldo do Concello.

Natalia Hermida avanzou que será precisamente persoal da Asociación Nuestra Señora de Chamorro o encargado de deseñar no taller de Serigrafía unhas libretas e unhas bolsas para alumnado da Aula Cemit do Concello de Narón. A edil valorou novamente o labor que realizan, así como a dos monitores que traballan con eles e do resto do persoal da citada entidade, “pola súa responsabilidade neste proxecto”. A concelleira animou aos rapaces e rapazas a continuar apostando por iniciativas como a premiada polo Amtega e comprometeu o respaldo do goberno local “a cantos proxectos se nos presenten nesta liña, contribuíndo como o viñemos facendo ata agora con esta asociación para que poida desenvolver o seu traballo e impulsar novos proxectos no futuro”.

Lea también

Unha unidade móbil ADOS estará operativa o venres 26 en Narón, no barrio de Xuvia

Unha das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará este …