Cedeira financia a compra da plataforma elevadora para a furgoneta da Asociación Sobre Rodas

Coche da Asociación Sobre Rodas – Concello de Cedeira

O Concello de Cedeira recoñece o labor que a Asociación Sobre Rodas está a facer, dándolles visibilidade e prestándolles axuda ás persoas con discapacidade, colaborando economicamente na adaptación do vehículo adquirido pola entidade este mesmo ano.

O equipo de goberno asegura estar moi contento co traballo que fai a asociación no ámbito local e destacou de maneira moi especial o que realizan os voluntarios, entre os que se atopan os condutores do transporte adaptado. A pesar de todo, os recursos da entidade son bastante limitados, segundo apuntan os responsables municipais.
A corporación municipal aprobaba na última sesión plenaria por unanimidade unha subvención, por importe de 5.131 euros, para a compra da estrutura elevadora que habilitará a furgoneta para o transporte de persoas en cadeira de rodas.

O importe da axuda concedida garante o financiamento da plataforma que, segundo a presidenta da entidade, Malena Pérez Villar, podería entrar en funcionamento nun prazo de quince días. Este servizo aumentará considerablemente os usuarios do vehículo adaptado, cuxo número de viaxes pode ser de máis de cen ao cabo dun mes. Pérez Villar agradeceu ao Concello a sensibilidade que está a mostrar coa xente con mobilidade reducida e recordou así mesmo que o traballo que desde o Concello se está a facer no campo da accesibilidade nas beirarrúas tamén é moi importante para mellorar o día a día das persoas con problemas de mobilidade. A entidade Sobre Rodas ten arredor de 490 socios.

Charla sobre ditos populares

O Concello de Cedeira, a través do Servizo de Normalización Lingüística, organiza para mañá xoves unha conferencia de Álvaro Porto Dapena sobre ditos populares. A charla leva por título “O porqué dalgúns ditos con nome propio de persoas ou de lugares”. O acto dará comezo ás 20.00 horas e será na sala da cafetería de Auditorio Municipal.
nota de prensa

Lea también

A Deputación licita por 224.664€ as obras do firme da DP 4803 en Centroña, Pontedeume

A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación das obras de renovación do firme …