Narón reuniu preto de sesenta bicicletas coa campaña “A túa vella bici vale un sorriso”

Bicicletas doadas na campaña – Concello de Narón

A campaña “A túa vella bici vale un sorriso”, impulsada polo Concello de Narón, logrou reunir un total de cincuenta e tres bicicletas que se doarán a persoas con escasos recursos. O equipo de Educación Viaria do Consistorio, dependente da Concellería de Seguridade Cidadá que preside o edil Guillermo Sánchez Fojo, iniciou a mediados do pasado mes de novembro esta xa tradicional campaña de recollida de bicis na cidade. En todo este tempo recibíronse a maior parte delas de persoas de Narón e comarca, pero tamén doutros concellos como Lugo, tal e como indicou o concelleiro naronés.

Unha vez no Concello ou nos puntos de entrega –centros escolares da localidade- o equipo de Educación Viaria encargouse, xunto con persoal voluntario, de reparar as bicicletas que presentaban algún dano, para entregalas nas mellores condicións posibles. Como resultado –e a pesares de que aínda o pasado martes se recibían dúas- reuníronse vinte bicis pequenas, dous patinetes e un tractor a pedais, e outras trinta bicis de tamaño mediano, para persoas a partir de 12 anos. A maior parte entregáronse ao Centro de Recursos Solidarios de Narón, se ben algunhas irán para África, colaborando así na campaña Bicicletas sen fronteiras, que as entrega en diferentes países do continente africano.

Sánchez Fojo agradeceu a colaboración cidadá nesta campaña e tamén destacou o labor que realizou o equipo de Educación Viaria de Narón, reunindo e reparando as bicicletas doadas, e a colaboración do clube naronés Clásicos BikeWorks. “Un ano máis, desde o Concello de Narón e grazas á axuda de persoas anónimas tivemos a oportunidade de colaborar coas persoas con escasos recursos, ofrecéndolles unhas bicicletas en condicións óptimas para o seu uso”. O edil naronés destacou a solidariedade da veciñanza do municipio “que na medida das posibilidades colabora en cantas campañas se organizan desde o Concello, e tamén outras iniciativas de diferentes entidades locais, para axudar á xente que máis o necesita”.

Lea también

Narón acolle o VI Festival de coros

A Sociedade Cultural Areosa, en colaboración co Padroado da Cultura organiza este sábado 20 o VI Festival …