O Teatro Jofre arranca o novo ano con Porta Máxica

Suso Basterrechea e Martín Varela en rolda de prensa – Concello de Ferrol

Esta mañá tivo lugar o acto de apertura do I Festival de ilusionismo de Ferrol no Teatro Jofre. A presentación estivo a cargo de Suso Basterrechea, concelleiro de Cultura e Martin Varela, director artístico do festival.

Que mellor xeito de arrancar o 2018 que con maxia, neste I Festival de Ilusionismo da nosa cidade, que nace con vocación de continuidade e que coidamos, vai atraer moita xente nestas datas entre o cambio de ano e a noite máxica de Reis”, manifestou Basterrechea.

Van ser tres días de maxia a través desta Porta Máxica de Ferrol na que non sabemos si entran os magos ou chegamos nós”, brincaba Martín Varela, afamado mago da nosa cidade e director artístico dun Festival que chega para quedarse e que está pensado e deseñado para estas datas e para a nosa urbe e que abrangue, manifestou “todas as variantes da maxia e todas as idades con artistas chegados, mesmo de Rusia”.

Pola nosa cidade pasarán, en tres días, todo tipo de magos para a ocasión: cómicos e elegantes, maiores e novos, clásicos e innovadores, así como artistas doutros países e da nosa propia terra. O I Festival de maxia da cidade terá varias ramas sobre o tronco principal.

Por unha parte, estarán as e Galas de Maxia (mércores e xoves en sesión dobre), os obradoiros de maxia nas asociacións de veciños do centro e zona rural, unha exhibición especial na Biblioteca e o Porta Máxica Solidario no CHUF e o programa familiar. Unha programación, sen dúbida, moi ambiciosa, que é o mellor arranque do ano posible nunha cidade que xa é toda unha referencia na cultura do país en todas as súas variantes: música, teatro, ciclos,.. e agora tamén, na maxia.

GALAS DE MAXIA, TEATRO JOFRE

Gala Lorc & Julit

• 3 de xaneiro ás 19:30, co mago Foje, Carrie Misstake, Juan Vidal, Martín Camiña e Fani Triana. Presenta: Kayto o mago. (Teatro Jofre)

O madrileño Kayto será o anfitrión dunha gala na que se presentará a maxia da comunidade galega, como son Martín Camiña e Fani Triana, ademais dos ferroláns Foje, Juan Vidal e Carrie Misstake. Será un espectáculo no que se combinarán diferentes disciplinas máxicas, dende a maxia de preto, ata a maxia cómica ou o mentalismo. A gala será unha homenaxe ao dúo Lorc & Julit, antepasados da tradición máxica na cidade de Ferrol, que levaron a súa maxia por todo o mundo e un dos seus escenarios preferidos era o deste teatro.

Gala Porta Máxica

• 4 de xaneiro, 2 funcións (ás 18:00 e ás 20:30), con Pablo Cánovas, Dúo Kybalion, Tecnomagos, Kayto, Tá na manga. Presenta: Martín Varela. (Teatro Jofre)

A gala Porta Máxica é o peche deste I Festival de ilusionismo, no que se contará con grandes artistas consagrados como Tá na manga (Portugal) o Dúo Kybalion (Rusia e Arxentina) ou Kayto (Madrid), combinados con novos talentos como son Tecnomagos (Barcelona), Pablo Cánovas (Córdoba) e Martín Varela (Ferrol). Esta gala, dirixida cun fío conductor acerca da maxia invadindo Ferrol a través da Porta Máxica, contará tamén cunha gran variedade de números, galardonados a nivel internacional en diversos espectáculos de maxia, que levaron a algúns dos artistas a traballar nos mellores escenarios de todo o mundo. Traerán a Porta Máxica os mellores actos do seu repertorio para facer as delicias de todos os espectadores ferroláns.

PROGRAMA FAMILIAR DE PORTA MÁXICA

• 2 de xaneiro ás 18:30, a maga Fani Triana presenta «Maxia pola igualdade» – Centro Cívico de Caranza

Xusto a continuación do obradoiro de maxia de Caranza, no mesmo Centro Cívico terá lugar a función do espectáculo da maga coruñesa Fani Triana. Promete unha actuación chea de ilusión e humor. Sobre todo, o que nos ofrecerá é o seu particular xeito de ver a maxia: dende o punto de vista dunha muller

• 3 de xaneiro ás 17:00, o mago Martín Camiña presenta «A ilusión dun músico», xunto a Álvaro Muras – Biblioteca Municipal (Praza de España)

Unha oportunidade única pra desfrutar da maxia de Martín Camiña en familia. El e Álvaro muras intentarán responder no seu espectáculo a preguntas como: Pódese facer maxia cun instrumento de corda? E pódese facer música cunha baralla de cartas.

Unha melodía paralela de manipulación de cartas, papeis rotos e recompostos, cordas que se rompen e seguen soando, unhas notas de humor e unha parte moi importante: a participación dos espectadores.

OBRADOIROS PORTA MÁXICA PARA NENOS A PARTIRES DOS 6 ANOS

Os obradoiros de maxia de Porta Máxica teñen por obxectivo achegar a arte da ilusión aos máis pequenos. Nenos e nenas de a partir de 6 anos poderán participar en 4 obradoiros con prazas limitadas a 15 alumnos en cada un:

• 2 de xaneiro ás 12:30 – Asociación de Veciños de Covas
• 2 de xaneiro ás 17:00 – Centro Cívico de Caranza
• 3 de xaneiro ás 11:00 – Asociación de Veciños de Esmelle
• 3 de xaneiro ás 12:30 – Centro Cívico de Canido

Son mais de 60 os nenos inscritos nos 4 obradoiros, coas prazas practicamente esgotadas agás na zona rural.

O día 4 polá mañá será a quenda dos maiores, cun espectáculo adicado a eles na residencia de maiores de Caranza, e a continuación, se realizará outro espectáculo no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, facendo chegar a maxia a tódolos recunchos da cidade. O prato máis forte, sen dúbida, será o xoves 4 de xaneiro, con dobre pase da Gala Porta Máxica ás 18 e ás 20:30 horas, presentada e conducida por Martín Varela.

Lea también

Ares entrega os premios do IV Concurso de Escritura Creativa de Microrrelatos Escolares

Concello de Ares e CPI As Mirandas entregaron esta semana os premios do IV Concurso …