O programa experimental Artabria Emprega IV ofrécelle formación a 85 persoas desempregadas

O Concello de Fene participa xunto con Cabanas, Neda, Ares, Mugardos e Pontedeume no programa Artabria Emprega IV, dirixido á mellora da ocupabilidade e á inserción de persoas en situación de desemprego.. Trátase dun proxecto en tres fases que prevé o desenvolvemento de accións relacionadas coas competencias persoais, a formación específica en materia de xardinería e, por último, un apartado centrado na capacitación para o emprendemento co obxectivo de ampliar as posibilidades de inserción das persoas participantes. O programa, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria prolongarase durante todo este 2018.

A primeira fase de Artabria Emprega IV atende á formación en competencias transversais imprescindibles para a busca activa de traballo, tocando aspectos como a alfabetización dixital, o uso das redes sociais, a preparación dun currículum vitae que funcione en distintas plataformas e que axude a construír unha marca persoal ou como afrontar con éxito unha entrevista laboral.

A segunda fase, específica para un colectivo de entre 15 e 20 persoas, desenvolverase como un curso de 330h. a través do que se obterá o certificado de profesionalidade en Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. Unha formación que responde tanto ás características dos municipios participantes como ás posibilidades de futuro detectadas nos distintos obradoiros de emprego impartidos en cada un deles.

Do programa coordinado polo Concello de Cabanas tamén forman parte Fene, Neda, Ares, Mugardos e Pontedeume, que suscribiron un convenio para a súa execución entre decembro de 2017 e decembro de 2018. O obxectivo é achegarlle capacitación a persoas demandantes de emprego no SPEG que, polas súas circunstancias, conforman un ámbito de atención prioritaria, como pode ser o caso de persoas cun certo grao de discapacidade, mulleres desempregadas ou que levan moito tempo no paro, menores de 30 anos de baixa cualificación ou persoas desempregadas en risco de exclusión.

Alén da formación en competencias persoais e específicas da xardinería, o proxecto tamén ten unha terceira parte de preparación para o emprendemento. Nela abordaranse cuestións de mercadotecnia, de organización empresarial, de contabilidade e, en xeral, todos os coñecementos mínimos que se requiren para a posta en marcha dun negocio.

O obxectivo final de todas estas accións é aumentar as posibilidades de que as persoas participantes atopen un emprego. Os concellos implicados agardan alcanzar, como mínimo, un 32% de inserción laboral -27 persoas-, xa sexa en empresas da zona ou en novas iniciativas que poidan nacer a raíz dos cursos. En total ofertáronse 85 prazas a través do Servizo Público de Emprego de Galicia con posibilidade de participar indistintamente en calquera das tres fases do proxecto, que en ningún caso contempla remuneración económica.

Para obter calquera tipo de información sobre o programa cómpre dirixirse a calquera dos concellos participantes ou á Oficina do Servizo Público de Emprego de Galicia en Ferrol.

Lea también

La Guardia Civil investigó a un vecino de Miño por circular dos veces con su coche en sentido contrario el mismo día

El Grupo de Investigación y Análisis de Tráfico (GIAT) del Sector de Tráfico de Galicia, …