O Día do Patrimonio na comarca de Ferrolterra: O papel das nosas institucións públicas

Ferrolterra Antiga
A Real Academia Galega define patrimonio como “conxunto de cousas materiais ou inmateriais de certa antigüidade e importancia recoñecida, pertencente a unha colectividade”.

O pasado 16 de novembro de 2017, coma tódolos anos dende 1972, cando se asinou en París a Convención Patrimonio Mundial Cultural e Natural da UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura), celébrase o Día Internacional do Patrimonio Mundial.

Este día, moitas cidades, vilas e pobos realizan unha morea de actividades con varias finalidades: en primeiro lugar, poñer en valor e dar a coñecer o seu patrimonio; en segundo lugar, difundir entre os seus habitantes a importancia do seu coidado; e en terceiro lugar, e non menos importante, utilizar o patrimonio como axente de dinamización socioeconómica e turística.

E non so iso, senón que esas actividades se fan de xeito coordinado entre as fundacións, museos, asociacións e sobre todo as administracións públicas (tanto locais como autonómicas), estas últimas actuando como principais organizadoras dos mesmos.

Algunhas construcións da cidade de Ferrol atópanse inmersas na candidatura a Patrimonio Mundial, algo que desexamos con todas as nosas forzas que consiga, posto que a historia da cidade e os bens da candidatura presentada así o merecen. Ademais, todos os concellos que forman a actual Ferrolterra teñen un patrimonio que poderíamos cualificar como abundante, rico, variado e transversal: abundante (pola calidade), rico e variado (polas múltiples tipoloxías, dende mámoas ata construcións militares), e transversal (de tódalas épocas históricas).

E en Ferrolterra?

Agora vai o tema desta reflexión… preguntámonos: E o día do patrimonio, que actos levaron a cabo as nosas institucións públicas en Ferrolterra? A resposta simple, ningún. Hai polo tanto moito que reflexionar.

De novo, as asociacións culturais, desinteresadamente, fixeron o traballo que deberían facer as nosas administracións. E non estamos dicindo que sexa algo exclusivo das administracións, senón que estas deben actuar como coordinadoras e proporcionar a infraestrutura, publicidade e financiación para que estas se leven a cabo.

A modo de exemplo, os actos máis preto que tivemos foron: a presentación dun libro na Fundación EXPONAV o día 22 de novembro (Ferrol), organizada por Buxa, Asociación Galega do Patrimonio Industria; e en Mugardos unha andaina cultural o día 18 de novembro, organizada pola Asociación Cultural Apelón Educación. Dentro da propia comarca non atopamos ningunha actividade máis, tendo que dirixirse a lugares máis afastados como Betanzos (no que a Asociación Amigas do Parque do Pasatempo organizou unha visita didáctica para coñecer o Pasatempo).

Como se pode ver, nunha comarca que supera os 150.000 habitantes, tan so realizáronse dous actos relacionados co Día Internacional do Patrimonio.

Algo semellante pasa o chamado día dos museos (18 de maio), no que as actividades a pesar de ser moito maiores (xa que se involucran os museos da cidade ou o propio campus de Ferrol) seguen sen ter a publicidade e transcendencia que merecen.

Sabemos que o día do patrimonio é unha simple etiqueta, pero somos conscientes que este mundo está cheo delas, polo tanto, é necesario utilizar ese día como pulo de reivindicación do noso rico patrimonio histórico e cultural. Non se trata de valorar o noso patrimonio ese día e esquecelo o resto do ano, xa que é importante recordar, que o patrimonio non é cousa dun día, senón de 365 días ao ano. As administracións locais e autonómica deben ser conscientes disto, mentres tanto, as asociacións culturais toman as rendas (e por elo, debémosllelo agradecer).

Lea también

Cataluña: nuevo plazo

Gabriel Elorriaga F,- La reacción de los poderes del Estado -legislativo, ejecutivo y judicial- ante …

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *