O concelleiro de Servizos defende a actuación de Cosma na rúa Manuel Murguía e lamenta as críticas do PP

O concelleiro de Servizos de Narón, Ibán Santalla, saíu ao paso das críticas realizadas polo portavoz do Partido Popular en Narón en relación coas obras na rede de abastecemento realizadas pola empresa Cosma na rúa Manuel Murguía. O edil naronés explicou que a compañía acometeu os traballos de reparación previstos nesa rúa “coa maior axilidade posible, ao igual que se vén facendo neste tipo de actuacións urxentes, que neste caso responden a unhas avarías rexistradas na rede xeral de abastecemento”. Así mesmo, Santalla asegurou non entender as críticas formuladas polo PP unha vez rematados os traballos, tendo en conta, apuntou “que o portavoz popular forma parte do Consello de Administración de Cosma e alí en ningún momento realizou observacións sobre esa falta de recursos á que alude”.

O edil naronés recordou que as citadas avarías producíronse os días 22 de decembro e 10 e 11 de xaneiro e incidiu en que “non se trata dunha obra que estivo aberta durante 15 días, como manifestou o portavoz popular, senón de tres avarías nun tramo de rede que anteriormente non presentaba problemas”. Así mesmo, Santalla subliñou que “en ningún momento existiu por parte de Cosma ou deste goberno local a intención de programar unha obra nesta rúa durante a época de Nadal, senón que se trata de reparacións realizadas ante unas roturas rexistradas na rede xeral de abastecemento e que coincidiu que se produciron xusto nesas datas, procedéndose a subsanar o problema coa urxencia que requiren este tipo de problemas e que afectan a un servizo básico para a cidadanía como é, neste caso, o abastecemento”. Santalla explicou no que respecta á avaría do 22 de decembro que o día 26 a beirarrúa de Manuel Murguía estaba reposta, “non existindo en ningún momento deixadez na reparación da mesma”.

O edil de Servizos defendeu a intervención realizada polo persoal de Cosma que, apuntou, “realizou todos os preparativos necesarios para poder empezar o mesmo luns 15 de xaneiro a renovación dese tramo de rede”. “O que sería totalmente neglixente é realizar unha actuación como esta –de renovación da rede- sen os preparativos previos -como a solicitude e sinalización de todos os servizos afectados-, tanto polo risco para os propios traballadores como as consecuencias que se puideran provocar a terceiros”, indicou.

En canto ás intervencións realizadas por Cosma o pasado ano, Santalla recordou que se levaron a cabo dúas renovacións de redes en rúas próximas á Manuel Murguía, co fin de minimizar as avarías imprevistas e posibles molestias aos veciños e veciñas. A maiores, dende o ano 2003, indicou “realizouse un gran esforzo na renovación e ampliación de redes, grazas ao que se actuou sobre máis de 67 quilómetros de redes de abastecemento, conseguindo renovar ou ampliar o equivalente a máis do 30% da rede actual de abastecemento”.

Finalmente, o concelleiro de Servizos incidiu no “firme compromiso tanto do goberno local como de Cosma para aunar esforzos de cara a minimizar as posibles molestias que se poidan ocasionar á veciñanza e evitar futuras avarías na rede, completando a renovación da mesma”. Santalla subliñou que este tipo de obras, roturas totalmente imprevistas, procédense a subsanar á maior brevidade posible e que poden causar en ocasións algunhas molestias á veciñanza, polas que pediu desculpas aos afectados.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …

Un comentario

  1. Qué raro… un concejal del tripartito echando balones fuera….