O Concello de Narón valora os efectos positivos das campañas de reciclaxe de residuos

Iban Santalla, edil naronés

O concelleiro de Servizos de Narón, Ibán Santalla, valorou os resultados das diferentes campañas de reciclaxe de residuos que, desde o Concello se impulsaron durante o 2017, a última o pasado mes de decembro. As cifras de recollida de envases, papel e vidro reflicten que “cada ano son máis as veciñas e veciños que depositan nos contenedores axeitados os distintos residuos, o que reduce considerablemente a cantidade que vai a parar aos orgánicos e permite así colaborar no respecto e coidado ao medio ambiente, finalidades estas das campañas promovidas desde o goberno local”, tal e como recalcou Ibán Santalla.

Entre os meses de xaneiro e decembro de 2017 contabilizáronse un total de 13.629.300 quilos de residuos orgánicos nos colectores instalados nas zonas urbanas e rural do municipio. Esa cifra supón unha considerable reducción con respecto ao ano anterior, cando se recolleron 57.200 quilos máis de orgánicos, e responde, en parte, ao incremento da recollida de vidro -497.280 quilos-; plásticos e envases para o contenedor amarelo -518.880 quilos- e papel -670.040 quilos- que foron depositados nos colectores axeitados, cun incremento do 1,9%; 4,31% e 5,52%, respectivamente, con respecto ao ano 2016.

O edil de Servizos destacou a importancia de continuar avanzando conxuntamente “para tratar de reciclar a totalidade dos residuos que se xeneran día a día e manter nas mellores condicións posibles de limpeza a nosa cidade”. Santalla agradeceu a colaboración prestada en todo momento polos establecementos hostaleiros e comerciais da cidade e tamén da veciñanza “que coa súa actitude responsable fan posible que desde o Concello se poidan reciclar cada ano máis cantidade de residuos” e pediu á cidadanía que continúe colaborando nesta mesma liña.

Unha das últimas propostas do Consistorio en materia de reciclaxe chegará nos vindeiros días da man da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) e Ecocelta, que repartirán entre os residentes da zona rural un total de 50 contenedores para compost doméstico e vermicompostaxe -25 para cada unha destas modalidades-. Esta proposta permitirá, no primeiro dos casos, a reciclaxe da materia orgánica en orixe e o seu aproveitamento, se ben a segunda opción consiste nun proceso de descomposición de materia orgánica a través de miñocas de terra. Para ofrecer as oportunas explicacións sobre o funcionamento destes dous sistemas, celebraranse no Concello os días 25 de xaneiro (vermicomposteiros) e 1 de febreiro (compost doméstico) no Café Teatro do Pazo da Cultura unhas charlas informativas. As persoas que desexen participar nesta campaña e recibir algún dos contenedores dispoñibles deben comunicalo nas entidades veciñais da zona rural, tal e como recordou o concelleiro de Servizos.

Toda colaboración será benvida e repercutirá directamente no beneficio das veciñas e veciños de Narón, dado que ao reciclar redúcese considerablemente o importe da factura que o Concello ten que abonar a Sogama polo tratamento dos residuos orgánicos e, ao tempo, increméntase o importe da contía que recibe o Concello pola recollida dos residuos que van a parar aos colectores de vidro, papel e plásticos e envases”, indicou Santalla.

O Concello dispón ademáis dun Punto Limpo, no polígono de Río do Pozo (frente a Sogama) que permanece aberto de luns a venres, en horario de 9.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 e os sábados de 9.00 a 14.00 e, a maiores, dun servizo de recollida de voluminosos, de balde, que a veciñanza pode solicitar chamando ao número de teléfono 981 391 074.

Lea también

Últimos días para inscribirse en Narón no curso sobre “Xestión de redes sociais con Canva e ChatGPT”

Esta acción formativa impartirase dende o vindeiro 2 de maio ata o 28 de xuño, …

Un comentario

  1. Como la gente recicla más y eso genera un beneficio a las arcas locales… ¿nos van a hacer un descuento en la factura?