O pleno de Narón aproba unha moción instando á Xunta a manter aberta a Escola Rural de Pedroso

Aprobada unha moción instando á Xunta a manter aberta a Escola Rural de Pedroso e unha declaración institucional de apoio aos afectados da Cooperativa de Pedroso

A corporación local naronesa aprobou no pleno celebrado na tardedeste xoves  unha moción conxunta presentada por TEGA, PSOE, BNG, e o Grupo Mixto (ENE e EU), sobre a que se abstiveron os cinco edís do PP, manifestando o seu apoio á reivindicación das nais e pais da Escola Rural de Pedroso, que demandan á Xunta que non se peche o centro o vindeiro curso. Así mesmo, o colectivo insta á Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria a implantar no curso 2018-2019 o primeiro curso de educación Primaria nesa escola, pertencente ao Colexio Rural Agrupado de Narón, para así evitar o citado peche. Antes de proceder á votación deste punto a alcaldesa, Marián Ferreiro, instou aos edís populares a “recapacitar” sobre o seu posicionamento, para que apoiasen tamén esta moción, ao manifestar con anterioridade a través do seu portavoz que se ían abster, se ben finalmente os cinco edís do PP non votaron a favor.

Minutos antes da celebración do pleno os representantes do goberno local e do Grupo Mixto participaron tamén nunha concentración convocada pola comunidade educativa ás portas do Concello reivindicando a continuidade deste centro no vindeiro curso.

En relación á parroquia de Pedroso aprobouse unha declaración institucional -presentada por vía de urxencia- na que a corporación local manifesta o seu apoio aos numerosos afectados polo proceso no que se atopa a Cooperativa San Salvador de Pedroso. No documento ínstase ás autoridades competentes a axilizar unha solución ao actual problema desta cooperativa, en proceso concursal desde o ano 2014, e priorizando os intereses dunhas duascentas veciñas e veciños afectados, maioritariamente de Narón.

O punto da orde do día sobre o convenio de colaboración entre os concellos de Ferrol e Narón para a implementación da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable e Integrado Ría de Ferrol (Edusi) retirouse da orde do día. A alcaldesa, Marián Ferreiro, explicou ao respecto que se retiraba debido a que o Concello de Ferrol recibiu unha comunicación do Ministerio de Facenda que implica a realización dunha serie de cambios no manual de procedemento.

Na sesión de onte saíu tamén adiante –por unanimidade- a adhesión do Concello ao convenio entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a implantación da Historia social única electrónica nas entidades locais. Este acordo permitirá ao Concello integrarse nos sistemas de información das distintas áreas do Sistema Galego de Servizos Sociais a través do Sistema de Información de Usuarios de Servizos Sociais Galegos. Esta aplicación deberán empregala o persoal técnico dos servizos sociais comunitarios municipais e permitirá poñer en común entre administracións datos daquelas persoas que requiran a intervención dos servizos sociais, garantindo en todo momento o tratamento dos seus datos persoais.

Aprobado quedou tamén por unanimidade tralo pleno o Regulamento de funcionamento interno do Consello Sectorial de Igualdade do Concello, creado trala constitución dos Consellos sectoriais. O texto deste documento aprobouse o pasado 28 de setembro e no mesmo especifícanse o obxecto e a finalidade do Consello, as súas funcións e facultades, os integrantes do mesmo e as correspondentes función dos representantes, entre outros temas.

Así mesmo, o convenio coa Xunta de Galicia para delegar competencias nos procesos selectivos para o acceso ás prazas de Policía Local, Auxiliares de Policía Local e Vixilantes municipais obtivo o respaldo unánime da corporación local.

Mocións

No apartado de mocións o grupo municipal do PSdeG-PSOE presentou unha –que se aprobou cos votos do goberno local e do Grupo Mixto- para establecer un sistema público de pensións con maior capacidade de redistribución e reducción de desigualdade. No documento ínstase ao Goberno central a retomar o consenso de 2011, derogando os cambios legais introducidos posteriormente, a garantir o poder adquisitivo das pensións actualizándoas co IPC, incrementar os ingresos do sistema e racionalizar os seus gastos, así como rexeitar a brecha próxima ao 40% que existe entre a contía das dos homes e as mulleres.

O Grupo Mixto presentou a través de EU unha moción sobre a activista polos dereitos do pobo Palestino Ahed Tamimi, unha menor palestina de 16 anos arrestada xunto coa súa nai a finais de decembro e que se convertiu nun referente da resistencia do pobo palestino fronte ao exército sionista de ocupación de Palestina. Coa moción, que saíu adiante por unanimidade, amósase o apoio a Ahed e a súa familia e ínstase ao goberno de España a solicitar a súa liberación de xeito inmediato e a pedir ás autoridades israelís que cumpran a Convención de Dereitos do Neno.

Praza do colexio de Xuvia

O Grupo Mixto presentou unha segunda moción, a través de ENE, sobre as obras da praza do colexio de Xuvia que se aprobou, explicando ao respecto o portavoz de TEGA, Guillermo Sánchez Fojo, que “este goberno nunca votará en contra da legalidade”. Sobre este asunto, e a falta de recepcionarse os traballos, a alcaldesa, Marián Ferreiro, indicou que “non é preciso traer mocións ao pleno para que as obras cumpran a legalidade” e subliñou que neste caso concreto, “son dúas administracións as que avalan o proxecto desta actuación, a Deputación da Coruña e o Concello”.

Lea también

El atrio de San Xulián de Narón lucira una talla del patrono confeccionada en el tronco de un árbol

Nuevamente el artesano de la piedra y la madera, y reconocido muralista Carlos García Romero deja …