O Concello de Narón acolleu un dos actos programados con motivo do Día Internacional de Conmemoración das Vítimas do Holocausto

O salón de plenos do Concello de Narón acolleu na mañá  deste venres o acto central do programa deseñado polo Consitorio e a Asociación Memoria Histórica Democrática con motivo do Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto. O primeiro tenente de alcalde de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, excusou a ausencia de alcaldesa, Marián Ferreiro, e foi o encargado de presidir a convocatoria xunto co historiador e secretario da Asociación Memoria Histórica Democrática, Enrique Barrera. Á mesma tamén asistiron outros representantes da corporación local, integrantes da citada asociación, entre eles o seu presidente, Manuel Fernández, e alumnado e profesorado do CPR Jorge Juan e do IES Terra de Trasancos.

Foron precisamente as rapazas e rapaces dos dous centros educativos da cidade os encargados de acender as seis velas que se colocaron no salón de plenos. Comezou Sara Álvarez, do IES Terra de Trasancos, acendendo a primeira, en recordo do millón e medio de nenas e nenos que morreron nesa época e seguiron: Iria González, do colexio Jorge Juan, cunha segunda vela para os cinco millóns de xudeus adultos asasinados; Iago Armada, do Terra de Trasancos, para recordar aos seis millóns de persoas exterminadas doutros colectivos (xitanos, homosexuais…); Óscar Janeiro, do Jorge Juan, que acendeu a cuarta polos 8.000 españois que morreron, dos que 23 eran da comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal; Daniel Otero, do Terra de Trasancos, que se encargou de acender outra en recordo das persoas que axudaron a salvar vidas e, por último, Marta Vera, que acendeu a sexta en homenaxe ás persoas que puideron salvarse da barbarie.

O historiador Enrique Barrera explicou que “o 27 de xaneiro de 1945 a ofensiva soviética avanzou moito máis rápido do que se pensaba e entraron no campo de concentración de Auschwitz e atoparon cámaras de gas, toneladas de cabelo, roupa de homes e mulleres e milleiros de supervivintes nun pésimo estado físico, testemuño estes últimos do Holocausto”. A continuación, Barrera procedeu á lectura dun poema escrito en ladino, unha variedade dialectal do castelán que falaban xa os descendentes dos xudeus expulsados da Península Ibérica na etapa dos Reis Católicos.

Pechou o acto de hoxe no Concello o primeiro tenente de alcalde e portavoz de TEGA, Guillermo Sánchez Fojo, que lamentou a “barbarie” cometida na época, insistindo en que “non podemos deixala caer no esquecemento, debendo mantela viva na nosa memoria coa esperanza de que nunca máis se repitan os xenocidios e a modo de chamamento a prol da liberdade das persoas, independentemente da súa raza e condición”.

Exposición na Biblioteca

Antes de dar comezo o acto oficial no Concello, que se iniciou ás 12.00 horas, un grupo de vinte e oito alumnas e alumnos de terceiro curso de ESO do CPR Jorge Juan visitaron a exposición Galegos en Mauthausen que, tamén con motivo do Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto se instalou na sala de exposicións da Biblioteca municipal.

Rematado o acto do salón de plenos foi o turno dos trinta e oito estudantes do IES Terra de Trasancos, que tamén viron na mañá deste venres a citada mostra, integrada por medio cento de imaxes da época do Holocausto. A exposición abrirase á cidadanía en xeral o vindeiro luns, día 19, podendo visitala ata o 10 de febreiro no horario de apertura da sala de exposicións: de luns a venres desde as 17.00 ata as 20.00 e os sábados de 10.00 a 13.00. O primeiro día, o luns 29, haberá ás 19.00 horas unha visita guiada, a cargo do historiador Enrique Barrera.

Os actos programados polo Concello e a Asociación Memoria Histórica Democrática iniciáronse xa o pasado martes, cunha charla no IES Terra de Trasancos, e continuaron o mércores con outra no CPR Jorge Juan. En ambos casos alumnado do centro tivo a oportunidade de escoitar a Barrera, que lles falou sobre o Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto.

Lea también

Narón incorporó desde este domingo un segundo atomizador para la desinfección viaria

El Ayuntamiento de Narón incorporó a partir de este domingo,día 29 , un segundo atomizador …