A poda da memoria

Ferrolterra Antiga
Oświęcim é unha poboación do sur de Polonia, situada a 60 Km ó suroeste de Cracovia. A súa primeira mención é o redor do s. XII, sendo na mesma data anexada a uns dos ducados da Silesia. O núcleo organizouse conforme ó dereito alemán no s XIII, constituíndose a comezos do XIV coma ducado independente. No s. XV, pasou directamente ó Reino de Polonia. Trala repartición do reino no s. XVIII, Oświęcim pasou a mans dos dominios dos Habsburgo; tendo que esperar ate o final da Segunda Guerra Mundial para voltar ó novo estado polaco.

Có anterior poderíamos dicilo todo se tivéramos que explicar ás persoas que van visitar Oświęcim algúns trazos da súa historia. Mais quizais pensemos que deixamos algo importante no tinteiro cando nos deamos de conta de que Oświęcim non é nin máis nin menos que o nome polaco da variante xermana Auschwitz.

Evidentemente, a día de hoxe, a ninguén lle pasaría por riba o que aconteceu na década dos 40 da pasada centuria nos arredores de dita poboación; amén de que esa factoría de morte do III Reich é o grande reclamo para os visitantes de Oświęcim.

Salvando as grandes diferenzas que existen entre ámbolos dous casos pola súa magnitude e pola súa tipoloxía dentro das maquinarias de violencia dos réximes fascistas, vou proceder a destacar os seguintes trazos históricos que o Concello de Ferrol destaca no Ben de Interese Cultural que é o Castelo de San Felipe a través da súa web:
«Os antecedentes históricos do Castelo de San Felipe remóntanse ó século XVI. (…)
Estas fortificacións [o conxunto A Palma-San Felipe-San Martín] deron probada mostra do seu valor estratéxico e disuasorio en 1639 (…).
Tamén foi particular a contribución, en concreto do Castelo de San Felipe, durante o ataque inglés a Ferrol (…)
O castelo de San Felipe foi sufrindo reformas entre 1731 e 1775 (…)
(…) este fermoso exemplo de fortificación representativa dos modelos académicos da Ilustración.»

Evidentemente, por mor dunha economía de espazo, só destacamos estes fragmentos; se ben estes se amosan coma puntos centrais dunha historia relativa ós acontecementos bélicos da Coroa Hispánica ó longo dos ss. XVI-XIX. Nada se di do funcionamento do castelo coma cárcere xa dende a modernidade ate o s. XX. E é precisamente ese aspecto o que resaltou na represión na comarca a partires de 1936; cando os reos alí amontoados eran persoas que estaban a pagar a súa significación política mesmo coa morte.

É verdade que dende fai uns anos, o acto institucional de conmemoración do 27 de xaneiro a Amada García no mesmo castelo (acto que non hai que ver soamente coma unha homenaxe a unha única figura; senón coma a unha expoñente dentro daqueles que padeceron as represalias sinxelamente por non pensar coma os seus carcereiros) está a recuperar esta parte da historia de San Felipe. Mais non pasa desapercibido coma os responsables de xestionar dito Ben de Interese Cultural agochan un episodio que é fundamental para coñecer aquela historia que nos afecta de maneira máis inmediata.

Lembrando os roteiros que temos realizado pola contorna dos castelos da banda ferrolá da ría, chamounos moito a atención que cando tocábamos este espiñoso asunto (sempre levamos un fragmento dunha carta dun dos presos) a xente coincidía con nós que, se queira ou non, este episodio está integrado na historia do castelo; feito polo cal é preciso que este sexa coñecido ó mesmo nivel que outros acontecementos relativos ó lugar.

Coma conclusión, dicir que pese ó extremo da comparación, o noso punto é que os lectores que esteades agora a ler o presente artigo cheguedes á conclusión de que non se pode recalcar certos elementos. desbotando interesadamente outros, cando falamos da traxectoria que ó longo dos anos padeceu un determinado lugar; máis cando estamos a falar de problemáticas pasadas que chegan ó presente. Todo forma parte da comprensión do noso entorno máis inmediato axudándonos a desenvolver un espírito crítico propio dunha cidadanía democrática.

Lea también

«Só Elas» en su V Aniversario

Julia M.ª Dopico Vale En abril de 2019 se presentaba ante el público ferrolano la …