O Entroido ferrolá e o naval

É tempo de orellas, filloas, freixós e torradas. É época de chourizos, lacóns e cachuchas. Estamos no pleno Entroido ou Carnaval, ese período que precede á Coresma, onde adoitamos disfrazarnos e desfrutar da festa da festa das comparsas nos colexios, nos bailes e nas rúas das vilas e cidades.

O Entroido é algo intrinsecamente propio de Galicia, sobre todo do sur da comunidade. Tanto é así que moitos dos entroidos desta área (sobre todo ourensá) están declarados festas de interese turístico galego. O entroido é unha festa arraigada, da que xa desfrutaban os nosos antepasados.

Ferrol, non está no sur de Galicia, é obvio. Somos xentes do norte, xentes pegadas ao mar. Pero nos tamén temos as nosas tradicións. E podémonos preguntar, cales son?. Unha pista: a omnipresente Bazán ou Navantia, como queiran chamarlle, ten algo que ver co noso carnaval.

É que non hai que recordar que o naval está presente no día a día ferrolá, queiramos recoñecelo ou non. Tal é así que incluso o entroido sucumbe a isto, aínda que poida parecer mentira.

Os “buzos”, algo tan típico dos disfraces dos mozos e mozas ferrolás, é unha clara influencia disto. Non hai documentado en ningunha outra área o uso deste disfrace tan característico na nosa zona.

En que consiste este disfrace? Poñemos entre comiñas “buzo” porque a palabra non existe en galego normativo. Esta acepción sería sinónimo de “mono” ou “funda”, como define a Real Academia Galega: “Peza de roupa, de corpo enteiro, que cobre o corpo e as pernas”. É dicir, a peza de roupa que usan os obreiros do naval.

Centos de nenos e nenas ferrolás, disfrazáronse, disfrázanse e disfrazaranse cun “buzo”, unha “careta”, e xa, de modo opcional, un “spray” de escuma. Un disfrace tan sinxelo, pero que amosa ata que punto o naval e Bazán inflúe na nosa cidade, algo que chega ata o propio entroido.

As costumes crean tradicións, e as tradicións se converten en patrimonio de todos e todas. Así que cando vexa un “buzo” pense que é algo noso, algo dos ferroláns, algo que fala dun pequeno cachiño da nosa historia recente.

Lea también

Sete anos da presentación de “Los disfraces de la traición”, de Olga Rico

José Fonte Sardiña O día 10 de marzo de 2017, presentabamos na Casa da Cultura …