Cabanas abre o prazo de inscrición no Xantar Solidario do Día da Muller

Fachada do Concello – Concello de Cabanas

O Concello, a través da Concellería de Servizos Sociais, promove unha nova edición do Xantar Solidario de Cabanas coincidindo co Día da Muller Traballadora. Celebrarase o 11 de marzo, no local da SCRD San Mamede de Laraxe, e as persoas interesadas en tomar parte xa poden facer a súa reserva chamando ós teléfonos 981 49 59 59 e 676 857 909 ou anotándose na casa consistorial. O prezo é de 15 euros e o prato principal será o cocido. Así mesmo, o xantar inclúe baile con música en directo a cargo do Dúo Ambrosía.

A cita servirá, como é tradición, para rendir homenaxe ás mulleres traballadoras do municipio, representadas por unha das súas veciñas e cuxa identidade se desvelará no transcurso do xantar. Así mesmo, o evento ten un marcado carácter solidario, xa que os asistentes poderán entregar alimentos non perecedoiros que irán destinados ó Banco de Alimentos de Cabanas. Ademais, os beneficios xerados coa entrada se reservarán para a adquisición de produtos técnicos cos que a Concellería de Servizos Sociais cubrirá as necesidades daquelas familias con menos recursos que así o precisen. Así, na edición do 2017, o Concello puido adquirir, grazas á solidariedade da veciñanza, unha grúa para persoas con mobilidade reducida.

O xantar dará comezo ás 14 horas e, sobre as 17,30 horas, principiará o baile. Nesta liña, o alcalde, Germán Castrillón, anima a veciños e veciñas a tomar parte nesta cita solidaria.

Lea también

Usuarios del CAMF de Ferrol exponen en el “Arquitecto Marcide” su particular visión de las Meninas de Canido

Los y las usuarias del Centro de Atención a Personas con Discapacidad Física ( CAMF) …