54 postos reuniranse no mercado local de San Sadurniño deste domingo

Mercado en San Sadurniño – Concello de San Sadurniño

Este mércores pechou oficialmente o prazo de solicitude de participación no mercado local de San Sadurniño, que terá lugar nos xardíns municipais o vindeiro domingo, 25 de febreiro. Na cita inscribíronse un total de 54 postos de produto fresco e elaborado, de venda de artesanía e de artigos de segunda man. O mercado desenvolverase entre as 9.30 e as 14.30h. e o Concello aproveitará a ocasión para iniciar un estudo co que se agarda mellorar o seu funcionamento de cara ao futuro.

A área de Desenvolvemento local quere saber de primeira man cales son os puntos fortes e as debilidades do mercado. Para iso levará a cabo unha enquisa onde se recabará a opinión de comerciantes e público asistente na liña de coñecer datos fundamentais para a marcha do evento, como por exemplo se a súa distribución e emprazamento se adaptan ás necesidades de quen compra e quen vende, se existe suficiente oferta oferta e variedade de artigos ou se, pola contra, se bota en falta algún tipo de mercadoría, se as datas e periodicidade son as axeitadas, etc.

A información de campo será de grande utilidade para redefinir o mercado que, en principio, «está aberto a todas as posibilidades, aínda que mantendo a súa esencia de mercado de proximidade dirixido á pequena produción da zona«, sinala o responsable da área, Manolo Varela. «O mercado púxose en marcha pensando na horta e na venda de alimentos frescos e transformados, co obxectivo de establecer unha relación directa entre produción e consumo. Buscamos crear as condicións para que se acurte o circuíto da comercialización e que se cree unha relación de confianza a longo prazo entre quen vende e quen compra, igual que ocorre nas feiras e mercados de toda a vida. Agora queremos ir un paso máis aló e ver en que podemos mellorar, que cousas deben quedar como están e que cambios hai que facer para que o noso mercado se sosteña por si mesmo garantindo en todas as edicións oferta, variedade e público tamén sostidos«.

O mercado do próximo domingo, día 25 de febreiro, suporá o punto de arranque dun estudo que combinará os datos de campo co deseño de estratexias específicas «que se porán en práctica de cara a seguintes edicións«. A cita é a primeira desde o pasado mes de outubro e nela inscribíronse un total de 54 postos de distinto tipo: 14 dedícanse á venda de produto alimentario, de horta e de planta; outros 14 están centrados na artesanía; 5 xuntan artigos manufacturados con pezas de segunda man e, por último, haberá 21 expositores que acheguen curiosidades vintage como discos, libros, complementos do fogar e xoguetes.

A configuración do espazo mantense como en anteriores edicións: nos sendeiros máis próximos á Casa do Concello atoparemos os postos de alimentación e produtos frescos, na metade inferior dos xardíns e na banda oeste situaranse os viveiros e artesanía, mentres que no lado paralelo á estrada de Ferreira compartirán espazo este último gremio e o das persoas que venden artigos de segunda man. Todos eles deberán permanecer instalados, como mínimo, ata as 14.30h.

Lea también

El Concello de Cariño trabaja en «medidas correctoras» ante los problemas en el agua del abastecimiento público

El Ayuntamiento de Cariño asegura estar trabajando en «medidas correctoras definitivas» para solucionar los problemas …