Día de Rosalía na zona norte

EN FERROL

Rosalía de Castro será a protagonista, na mañá deste sábado dun acto de dinamización poética no mercado municipal da Magdalena co gallo do aniversario do seu nacemento, en 1837. Dúas ‘Rosalías’, Lucía Veiga e Marita Martínez, ocuparanse de dar a coñcer o verbo poética dunha poetisa universal para animar a «ler a Rosalía en todas as ocasións».

«Rosalía é moderna e modenista, como o mercado. Nunca pasa de moda«, manifestaba Lucía Veiga, unha das dúas actrices que se caracterizarán para declamar os versos da poetisa galega.

Os clientes do mercado que se animen a participar desta iniciativa poética e a darlle voz a algúns versos das obras de Rosalía de Castro serán agasallados con marcapáxinas e bolsas rosalianas co gallo deste aniversario.

EN NARÓN

A partir das 11.00 horas terá lugar un contacontos infantil na Biblioteca municipal, O lucecús de Rosalía.

A continuación, ás 12.00 horas, dará comezo unha lectura pública de textos de Rosalía de Castro, aberta á participación da cidadanía en xeral e que iniciará a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro. Tamén se poderá ver na Biblioteca unha exposición bibliográfica desta recoñecida poeta galega do século XIX. As persoas que leven en calidade de préstamo un libro en galego recibirán como agasallo unha flor e un libro tamén en galego. As librarías Day, Nova, Contos, Nany, Merche, Albatros e Galicia tamén colaboran regalando hoxe e mañá unha flor ás persoas que adquiran un libro en galego.

No Pazo da Cultura, ata o 5 de marzo poderá verse a exposición Airiños Aires, Rosalía, do fotógrafo Xurxo Lobato (de luns a venres de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00).

EN MUGARDOS

Mugardos renderá homenaxe este sábado á poeta Rosalía de Castro no 181º aniversario do seu nacemento, cun acto no Local Social de Maiores. A actividade, organizada polo Concello, desenvolverase de 11.20 a 13.30 horas e consistirá nunha representación teatral da actriz María Torres, coa compañía Crearte, na que ela encarnará á autora, lerá versos e lembrará diferentes episodios da súa vida.

A Asociación Cultural Apelón impulsa tamén outra proposta sobre a poeta coa colaboración do Concello. Pola tarde, ás seis, haberá un percorrido pola xeografía poética de Mugardos, baseado nos versos de Rosalía e dirixido por Vero Rilo. A actividade comezará na praza do Concello.

EN NEDA O DOMINGO

O Concello de Neda prepárase para conmemorar o día dedicado a Rosalía de Castro, 24 de febreiro, cunha obra de teatro dirixida ao público infantil e un obradoiro de camisetas e chapas para alumnos de sexto curso de Primaria dos colexios San Isidro e Maciñeira.

A programación arrincará o domingo día 25 coa celebración dunha sesión de teatro de monicreques a cargo de Larraiz Uruzola, que porá en escena a obra “A viaxe de Rosalía”. A función dará comezo ás 18.30 horas e será na Casa da Cultura. O prezo da entrada será de 2 euros para os adultos e de un para os menores.

A seguinte actividade, dirixida a nenos e nenas de doce anos, será o día 28 e consistirá nun obradoiro de manualidades no que os participantes terán a posibilidade de elaborar camisetas e chapas coa imaxe da máis popular poeta galega, Rosalía de Castro.

A faciana desta recoñecida muller galega tamén se pode ver na pancarta que o equipo de goberno vén de instalar na fachada da Casa do Concello coa fin de sumarse á homenaxe de Galicia a unha poeta que naceu un 24 de febreiro do ano 1837 en Santiago de Compostela.

Lea también

¡Choque de alto voltaje esta noche en A Malata! el Racing recibe al Real Oviedo

«Pese a contar con una posición de privilegio y una puntuación elevada, no nos apartamos …