Cabanas dá luz verde ó convenio coa Xunta para a renovación da iluminación do contorno do piñeiral da Madalena

O pleno de Cabanas daba onte á tarde o seu visto bo á sinatura do convenio de colaboración entre o Concello e a Consellería de Economía, Emprego e Industria para a renovación da iluminación pública no contorno do piñeiral da Madalena. Unha ambiciosa actuación de eficiencia enerxética orzamentada en 592.000 euros dos que o 98% serán sufragados pola Xunta de Galicia. Así, a aportación municipal redúcese ós 11.840 euros. Nesta liña, o alcalde, Germán Castrillón, mostraba a súa satisfacción polo apoio da corporación a un convenio no que o Concello leva traballando durante meses e que recentemente recibía o visto bo da Xunta, cuxa colaboración resulta fundamental para asumir unha intervención deste calado nun municipio como Cabanas.

O rexidor sinala que o proxecto elaborado polo Concello contempla a substitución duns 300 puntos de luz por novas luminarias LED, que permitirán tanto mellorar a calidade de servizo como aforrar no recibo eléctrico. A redución do custe da factura estímase nun 80% anual, o que supón 23.500 euros menos.

Así, a utilización de luminarias de elevado rendemento enerxético e longa vida útil pretende fomentar un uso racional da enerxía e a óptima xestión dos recursos enerxéticos, que servirá para que este proxecto sexa un referente para futuras actuacións e investimentos.

Lea también

Tecnoloxía e divulgación en Ares durante as próximas dúas semanas

A concelleira de Tecnoloxías da Información e Comunicación (TICs), Olimpia Marcos, inaugurou os obradoiros inscritos …