Os nenos e nenas da Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia contribúen á conservación da galiña de Mos

Instante dunha visita – Concello de Valdoviño

Seguindo a súa filosofía de potenciar as actividades vinculadas co entorno natural, os nenos e nenas que acoden á Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia de Valdoviño están a participar este mes nun novidoso proxecto co que contribuirán á conservación da galiña de Mos, unha raza galega das máis antigas da Península Ibérica que, nas últimas décadas, estivo ó borde da extinción. Así, a pasada semana, membros da Asociación de Avicultores da Raza Galiña de Mos-Avimós, instalaron no centro educativo valdoviñés unha incubadora. Nela se atopan 18 futuros pitiños. Así, tras recibir as oportunas explicacións, os máis pequenos da casa coidan agora de que as condicións de temperatura e humidade que precisan os ovos se manteñan. A partir do día 19, terán que aumentar a humidade para facilitar que o cascarón se rebrandeza e, para iso, contan cun calendario no que ir apuntando incidencias.

As monitoras explican que o nacemento dos pitiños, que os nenos e nenas poderán vivir en directo, está previsto para o 21 de marzo pola tarde e que por ese motivo a xuntanza mensual que realizan cos pais e nais se celebrará nese momento. Poderán así nenos e familias compartir un intre tan especial.

Trátase dun xeito diferente de aprendizaxe en plena natureza. Así, son habituais as actividades neste sentido. As máis recentes, o traballo que os pequenos realizan na horta do exterior, na que agora teñen plantado perixel e amorodos.

A Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia cumplirá o próximo mes de xuño o seu primeiro ano de actividade. Na actualidade, acuden a el a diario 15 nenos e nenas dos que tres son bebés e os outros 12 teñen entre un e tres anos. O Concello de Valdoviño poñía en marcha este servizo dando resposta a unha demanda veciñal de moitos anos atrás, co ánimo de favorecer a conciliación da vida persoal e laboral das familias de Valdoviño.

Lea también

June Moreno, quinta en la copa junior de Lignano

El pasado fin de semana se disputó en Italia, la Copa de Europa de Lignano, …