O Foro Ferrol Vivo pon en marcha o primeiro certame de debuxo infantil “Ensina Ferrol”

Foro Ferrol Vivo

O Foro Ferrol Vivo organiza, coa colaboración do Centro Comercial Aberto A Magdalena –principal patrocinador da iniciativa- así como do Concello, a Ruta da Construcción Naval e Ferrol Guías, a primeira edición do Certame de Debuxo Infantil “Ensina Ferrol”, que nace cos obxectivos de difundir entre os nenos e nenas da cidade a candidatura de Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración a Patrimonio Mundial, ademais do de promover dita candidatura e acada unha maior implicación social.

Como informan dende esta plataforma cidadá, o Foro Ferrol Vivo mandará esta mesma semana un vídeo desta iniciativa aos centros escolares da cidade e ás federacións de Anpas de centros públicos e concertados, explicando polo miúdo o certame e propoñendo nos colexios que as e os docentes das materias de debuxo e plástica ou mesmo de xeografía e historia inclúan, se así o consideran, a realización destes debuxos como tarefa de clase para que a participación nesta iniciativa, cunha clara compoñente educativa, sexa a maior posible.

Segundo consta nas bases, o certame de debuxo Ensina Ferrol será unicamente de debuxo (coloreado ou non) para facelo o máis asequible e xusto posible e o tema non é outro que os elementos patrimoniais ou o trazado do Barrio da Magdalena incluidos no informe da candidatura de Ferrol como Patrimonio Mundial. O formato dos debuxos será tamaño folio ou DIN-A4.

Ensina Ferrol vai dirixido a nenos e nenas de ensinanza primaria e secundaria. Deste modo, o concurso dividirase en 5 categorías, unha por ciclo: 3 categorías para Primaria -1º e 2º, 3º e 4º, e 5º e 6º de Primaria- e 2 para Secundaria -1º e 2º da ESO e 3º e 4º da ESO-, que disporán para elaborar os seus traballos do que resta do mes de marzo e o de abril. O fallo do xurado, que estará formado por persoas expertas en arte e patrimonio –presidido polo artista impulsor das Menidas de Canido, Eduardo Hermida- e contará coa presenza de representantes de todas as entidades e organismos colaboradores, terá lugar a principios do mes de maio, así como a entrega de premios aos rapaces e rapazas gañadoras.

Segundo informan dende o FFV, haberá un primeiro premio e un accésit por categoría, consistente en libros e tarxetas regalo do CCA A Magdalena. Así mesmo, o primeiro premio recibirá un bono para asistir de balde durante un mes ao estudo de Eduardo Hermida. Pero, ademais, e como un dos aspectos máis interesantes da iniciativa, todos os traballos presentados formará parte dunha exposición nalgún escaparate baleiro do barrio da Magdalena, mostra que se inaugurará o mesmo día da entrega de premios. A exposición será clausurada en xuño, cuha actividade ao aire aire na que Eduardo Hermida se encargará de dirixir aos nenos e neñas gañadores á hora de plasmar as súas obras sobre murais.

O Foro Ferrol Vivo fai un chamanento á participación de nenos, nenas, rapaces e rapazas nunha iniciativa coa que se pretende por en valor dende a infancia e xuventude o importante patrimonio que temos na nosa cidade, ao tempo que se trata de axudar á candidatura local a Patrimonio Mundial.

Lea también

Tres heridos, uno de ellos un menor grave, en una colisión de vehículos en el Inferniño

Tres personas resultaron heridas, una de ellas de gravedad, a causa de una colisión entre …