O Concello de Fene mellorará a seguridade peonil e do tráfico na rúa Ameneiral

Rúa Ameneiral – Concello de Fene

A área de Obras do Concello de Fene acaba de publicar a licitación de tres obras acollidas ao plan provincial de aforro e investimentos coas que se pretende mellorar a seguridade viaria en tres puntos do municipio. Os traballos contrataranse nun único paquete cun prezo de saída de 34.807,50€ e con eles actuarase na rúa Ameneiral -en Perlío-, no punto onde se atopan a estrada a Vilar do Colo e a DP-3501 -Limodre- e, por último, no acceso e a zona de aparcadoiro da antiga escola do Pedrón, en Magalofes. Lugares todos eles onde, segundo Juventino Trigo, «facía falla unha intervención urxente«.

Unha das obras que motivou máis peticións veciñais nos últimos anos foi, precisamente, a que se vai levar a cabo na rúa Ameneiral. O tráfico e as reparacións en infraestruturas soterradas deixaron esta rúa perpendicular a Marqués de Figueroa en mal estado, con irregularidades no firme e algunhas fochancas. O proxecto técnico prevé agora botar unha nova capa de aglomerado e a renovación da sinalización. Ademais, o Concello tamén aproveitará para construír preto de 40 m. de beirarrúa que entronque a xa existente no seu tramo final coa da principal avenida de Perlío.

«É unha obra sinxela pero moi necesaria. Amañarase a rúa e tamén se construirá un tramo de beirarrúa que levaba anos pendente de executar. Por iso se incorporou aos proxectos do PAI 2016 que agora, por fin, estamos contratando xa«, comenta Juventino Trigo.

As outras dúas obras que acompañan á da rúa Ameneiral teñen tamén, segundo o alcalde, «un alto valor social, sobre todo a que se vai levar a cabo en Magalofes«. Neste caso os labores consistirán en rematar con formigón o aparcadoiro da antiga escola do Pedrón e en acondicionar co mesmo material o acceso ás instalacións desde a estrada DP-3503.

Búscase, en esencia, rematar a urbanización interior deste equipamento municipal e facerlle unha entrada que non se estrague durante o inverno. Ademais, tal e como lembra o rexedor local «estas melloras beneficiarán indirectamente ás persoas usuarias do centro sociocultural da asociación San Xurxo de Magalofes, situado ao carón da escola do Pedrón«.

O terceiro capítulo do proxecto sufragado co PAI 2016 é a reparación do punto onde conectan a estrada ao Vilar do Colo e maila DP-3501, en Limodre. Alí substituirase o firme actual -moi deteriorado pola entrada e saída de vehículos- por outro de aglomerado, ademais de dotar o cruzamento de nova sinalización horizontal.

O proceso de licitación deste paquete viario figura publicado desde hai uns días no Perfil de Contratante municipal. A adxudicación dos traballos farase mediante procedemento negociado con publicidade.

Lea también

Un conductor investigado al circular por Ortigueira a 188 km/h en una carretera limitada a 90

Efectivos del Subsector de Tráfico de la Guardia Civil de A Coruña investigaron al conductor de …