A alcaldesa e a edil de Igualdade visitaron as instalacións da asociación Nuestra Señora de Chamorro

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, desprazáronse na mañá deste venres ás instalacións da Asociación Nuestra Señora de Chamorro, na parroquia do Val, para coñecer de primeira man os proxectos nos que traballa a entidade. A presidenta e a xerente das instalacións, Concepción Lage e Rocío Coira, respectivamente, recibiron ás representantes do goberno local para explicarlles as diferentes iniciativas nas que está inmersa e tamén as acompañaron nun percorrido polo centro

Un dos últimos proxectos impulsados pola entidade é o da construcción dunha vivenda de promoción de vida autónoma e familiar. Trátase dunha construción de 130 metros cadrados de superficie que se ubicará nas inmediacións das actuais instalacións da asociación, no Val, e que contará con seis prazas para vivenda tutelada e dúas de respiro familiar, tal e como explicou Rocío Coira. Ao tratarse dunha vivenda modulada, indicou, ofrece a posibilidade de, en sucesivas fases, ir completando as instalacións con novos servizos.

A Fundación tutelar Chamorro, o proxecto para o desenvolvemento da autonomía a través de vivendas de inclusión, un anteproxecto de centro residencial (xa presentado á Xunta) e outro para o desenvolvemento da autonomía a través da inserción laboral foron tamén outros dos traballos sobre os que falaron as representantes da asociación con Ferreiro e Sabio. Persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento son as destinatarias destes proxectos impulsados desde Nuestra Señora de Chamorro.

A alcaldesa recordou que o Concello mantén ao longo do ano diversas colaboracións coa entidade a través de diferentes áreas, como por exemplo a de Novas Tecnoloxías, desde donde se impulsou a iniciativa Innova Narón, premiada pola Amtega, e tamén colabora económicamente a través dun convenio anual de 12.000 euros. “Esta asociación leva máis de medio século facilitando a vida ás persoas con discapacidade intelectual, axudándolles a ser autonómas na súa vida persoal e tamén laboral, o que é fundamental para erradicar unha serie de barreiras que lamentablemente aínda hoxe existen”, indicou Marián Ferreiro.

A edil de Igualdade aludiu tamén ao proxecto Fadas, sobre educación afectivo-sexual, que contou co respaldo do Consistorio naronés, e destacou o feito de que desde a entidade se faga sempre especial fincapé en “traballar en áreas de igualdade dun xeito transversal”.

Finalmente, Ferreiro e Sabio felicitaron ás representantes da asociación polo traballo que realizan e comprometeron o apoio da administración local naqueles proxectos nos que sexa posible.

Lea también

Narón conmemora o Día Internacional do Libro cun “Pequeno obradoiro literario”

Os nenos interesados en participar no Pequeno obradoiro literario organizado na Biblioteca municipal de Narón poderán …