Escolares do CEIP Piñeiros asistiron nas instalacións do Speis a sesións de Primeiros Auxilios e trampeos para combater a velutina

Un grupo de vinte escolares do colexio de Piñeiros visitou na mañá deste mércores as instalacións do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Narón (Speis), no polígono industrial de Río do Pozo. O concelleiro de Protección Civil e Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, desprazouse tamén á base do Speis para acompañar aos escolares na que foi a primeira visita dun ciclo no que irán pasando polas citadas instalacións outros escolares da cidade nos vindeiros meses.

O obxectivo desta iniciativa é concienciar aos nenos e nenas sobre o xeito de actuar ante determinadas incidencias, tanto dentro como fóra da casa, ou en casos de lumes, esvaecementos… para ensinarlles qué teñen que facer ante estas situacións”, explicou Sánchez Fojo. O edil avanzou que a vindeira quenda de visitas, enmarcadas no marco do Programa Municipal de Recursos Educativos de Apoio á Escola –actividades en horario lectivo- a través do Servizo Sociocomunitario Municipal, se realizará despois das vacacións de Semana Santa, concretamente o día 4 de abril, no mesmo horario que este mércores, entre as 9.30 e as 11.30 horas.

Á súa chegada ás instalacións do Speis, os rapaces e rapazas viron un vídeo, «Sam o bombeiro«, no que se amosan diferentes situacións de risco, como un incendio xerado por unha plancha ou alimentos que se están cociñando; situacións perigosas na praia, etc. e no que se explica o procedemento a seguir en cada caso dun xeito sinxelo e moi práctico para os menores. A continuación o grupo, dividido en dous, percorreu as dependencias do Speis de Narón.

Tamén en dúas quendas recibiron información sobre que facer no caso de atopar unha persoa que non esperta e que parece que está durmida, seguindo paso a paso o procedemento habitual nestes casos, e incluíndo na sesión prácticas como as manobras de Reanimación Cardiopulmonar (RCP) cos bonecos cos que imparte a formación o equipo do Speis.

Nunha segunda parte da visita os menores viron outra proxección na que se explica o programa de prevención contra a vespa velutina. Atentos ás explicacións ofrecidas desde o Speis, as nenas e nenos do colexio de Piñeiros aprenderon a realizar unha trampa artesanal cunha botella de plástico, e incluso levaron unha para colocar no seu colexio. Os escolares interesáronse na charla por varias cuestións relacionadas coas vespas velutinas e comprometéronse a colocar algunhas trampas artesáns na localidade.

Antes de rematar a visita os rapaces e rapazas tiveron a oportunidade de probar un casco dos que utiliza en servizo o persoal do Speis e tamén de ver o material que levan nos camións para actuar ante as emerxencias.

O Concello de Narón xa foi pioneiro en levar a Educación Viaria aos centros educativos da cidade e agora consideramos que con este programa de visitas temos unha oportunidade excelente para que as nenas e os nenos aprendan desde pequenos cuestións básicas relacionadas cos primeiros auxilios para poder actuar ante unha emerxencia”, subliñou Sánchez Fojo. Así mesmo, o edil naronés destacou que “aproveitando este programa tamén lles ensinamos o perigo que representan as vespas velutinas tanto para as persoas como para o medio ambiente, e por iso lles ensinamos a facer trampas artesáns coas que contribuír á súa erradicación”.

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …