O Concello de Narón impulsará o programa «100.000 Motivos de peso»

O Concello de Narón acolleu unha reunión para presentar o Plan Estratéxico do programa “100.000 Motivos de peso” e plantexar a constitución da Plataforma Municipal de Nutrición, Actividade Física e Promoción da Saúde do Concello. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu a convocatoria, á que tamén asistiron os coordinadores interno e externo do citado programa, Simón Cabarcos –do equipo de Educación Viaria de Narón- e o médico Carlos Piñeiro, respectivamente; edís da corporación local, un representante do Cefore e colaboradores da área sanitaria, do equipo de Educación Viaria e do Servizo Sociocomunitario de Narón.

Ao inicio da xuntanza Carlos Piñeiro presentou aos asistentes o Plan Estratéxico do programa “100.000 Motivos de peso”, no que se incide especialmente no cambio de estilos de vida e na promoción da saúde cardiovascular. Piñeiro recordou que «a Organización Mundial da Saúde advertiu de que a obesidade é un grave problema de saúde pública no século XXI” e incidiu na importancia de impulsar programas como “100.000 Motivos de Peso” para asesorar á cidadanía sobre a importancia de seguir hábitos de vida e alimentación saudables no seu día a día.

Piñeiro explicou que se está traballando sobre un estudo no que se analiza a situación do Concello nesta área e avanzou que se impulsará a dieta Ártabra entre a cidadanía, buscando a colaboración do sector hostaleiro, apartado para o que desde o Concello se ofreceu colaboración tanto nas campañas de sensibilización como de alfabetización alimentaria. Así mesmo, apóstase pola elaboración dunha guía específica de Narón nos centros de saúde, contando co respaldo e implicación do persoal sanitario e a formación do profesorado no ámbito da promoción da saúde cardiovascular. A elaboración dun mapa por parroquias para ver as liñas de traballo coas persoas maiores, o deseño de rutas cardiosaudables, impulsar un laboratorio da infancia do Concello no que os nenos adopten un papel colaborador e un Plan alimentario nos colexios forman parte das propostas do citado Plan Estratéxico.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, explicou na reunión que o Concello traballa desde hai varios anos en programas para fomentar a práctica de hábitos saudables entre nenos e nenas, adultos e persoas maiores, tanto na zona urbana como na rural; convoca cursos de balde para a cidadanía co fin de que saiban como interpretar as etiquetas dos alimentos, organiza andainas polo concello e comarca… “Realizamos desde hai tempo un traballo transversal que consideramos que pode ser de moita utilidade neste proxecto, que é un reto que asumimos moitas veciñas e veciños de Narón”, asegurou. Así mesmo, a rexedora local comprometeu o apoio do goberno local en cantas iniciativas concretas se plantexen para continuar avanzando neste programa e plantexou a posibilidade de que formen parte da Plataforma Municipal de Nutrición, Actividade Física e Promoción da Saúde outros representantes da corporación local, a maiores dos do grupo de goberno.

Nas vindeiras xuntanzas da citada Plataforma determinaranse accións máis concretas a levar a cabo para acadar a través do Plan Estratéxico o obxectivo do programa “100.000 motivos de peso”, que conta tamén co respaldo -a maiores do Servizo Galego de Saúde e do Concello- da Sociedade Española para o Estudo da Obesidade. O obxectivo final é adelgazar, en conxunto entre a cidadanía que participe de Narón, 100.000 quilos en dous anos, doando ese exceso de peso de cada persoa en alimentos non perecedoiros ao Centro de Recursos Solidarios de Narón.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …