Este venres estreo da obra «Algo pasa con Paco» no Auditorio naronés

O grupo Sangue de dragón, da asociación teatral naronesa O Aturuxo de Melpómene estreará este venres no Auditorio municipal, ás 20.30 horas, a obra «Algo pasa con Paco«, escrita por Alejandro Martín e dirixida por Cristina Mariño.

A peza ten unha duración de preto de hora e media e está recomendada para persoas maiores de 12 anos. As entradas son de balde e poden recollerse, ata completar o aforo do Auditorio, na billeteira do Pazo. O Padroado da Cultura, a Deputación da Coruña e a Federación Galega de Teatro colaboran neste espectáculo.

Paco Checo é o protagonista desta obra teatral. El é un cabaleiro errante, dos de antes, dos que saen na procura de dragóns e tesouros sen pensalo, porque cre que posúe un gran valor, aínda que xa coñeceu tempos mellores, tal e como indicaron desde O Aturuxo de Melpómene. As malvadas forzas raptan á princesa do pobo, e Paco e o seu escudeiro Xaime saen na súa procura. A maxia e os entortos sucederanse ao longo deste espectáculo teatral, no que o protagonista aprenderá que a vida non só é branca ou negra, senón que está chea de cores.

Coincidindo coa estrea estarán presentes alumnas e alumnos dunha escola de maquillaxe que realizarán prácticas de caracterización coas actrices e actores que forman o elenco desta obra: Adelaida Abad, Carmen Caeiro, Chani Hernández, Alejandro Martín, Frankie Muíño e Benie Suárez

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …