Alumnos dos centros escolares de Narón participan, no Pazo da Cultura, no XXIX Certame Intercentros

A concelleira de Ensino do Concello de Narón, Mercedes Taibo, desprazouse na mañá deste mércores ao Pazo da Cultura para asistir ás primeiras postas en escena dos traballos realizados nas aulas por parte do alumnado da cidade que participou no XXIX Certame Intercentros Concello de Narón, organizado este ano polo CPI do Feal.

Nenas e nenos de quinto curso de Infantil do CRA abriron esta convocatoria sobre as 10.15 horas, interpretando un poema de Rosalía de Castro, na modalidade de Canción e poesía. Ao longo da mañá pasaron polo Pazo 513 menores do CRA e dos colexios de Piñeiros, Ponte de Xuvia, A Solaina, O Feal e Virxe do Mar, a primeira das quendas desta convocatoria.

No escenario representáronse tamén traballos relacionados coas áreas de Canción, Expresión oral e Teatro, nunha sucesión de intervencións que remataron pasadas as 13.00 horas e que ían presentando dous alumnos da Escola de Teatro de Narón. Así mesmo, na entrada do Pazo pódese ver estes días a mostra cos traballos de Murais e Conto ilustrado que se presentaron este ano á convatoria.

Este xoves, a partir das 10.00 horas, será o turno dos 192 alumnos e alumnas dos colexios da Gándara, Ponte de Xuvia, O Feal e Virxe do Mar que participaron nas modalidades de Canción, Teatro e Expresión oral.
Finalmente, o vindeiro 14 de maio, o Pazo acollerá o acto de peche deste certame, coa tradicional entrega de premios, tal e como apuntou Taibo.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …